O referido decreto dispón que esta nova certificación de competencias dixitais pódese acadar mediante a realización de probas libres, por medio da validación de módulos de formación profesional e a través de accións formativas na EGAP ou en organismos e entidades supervisados e baixo o control da nova Axencia de Modernización Tecnolóxica. 

No entanto, a falta de información concreta por parte da Administración nun tema de tanto calado está a suscitar a desorientación dos traballadores e traballadoras, ao se encontraren sen previo aviso cunha norma con rango de decreto que contén previsións que poden afectar á participación en procesos de provisión e selección, seguida poucos días despois (DOG de 05/12/2011) dun anuncio de probas libres a finais de xaneiro para acreditar a competencia dixital regulada no dito decreto.

As consideracións positivas que poida merecer a procura dun sistema para que o persoal poida acreditar as competencias en ofimática adquiridas no posto de traballo, vense completamente empañadas pola ausencia de información sobre as condicións de validación de cursos da EGAP cos contidos contemplados no decreto, sobre a compatibilidade entre a acreditación mixta das competencias a través das probas libres e dos cursos da EGAP ou a inxustificada ausencia de recoñecemento aos cursos impartidos polas organizacións sindicais homologados polos acordos AFCAP e AFEDAP. 

Por outro lado, resulta especialmente desafortunada a centralización das probas libres en Santiago de Compostela entre os días 23 e 26 de xaneiro en horario de mañá e tarde, sen ter en conta non só as dificultades de acceso da maioría do persoal da Xunta que traballa noutras localidades, senón tamén as repercusións no funcionamento de moitos servizos da Administración durante eses días, tendo en conta que serán admitidas 1.000 persoas para realizar as ditas probas. Non só se lle traslada ao persoal o custo material de desprazamento e estancia en Santiago de Compostela, senón que se prexudica o funcionamento da Administración durante tres días por non descentralizar as probas presenciais nos diferentes Edificios Administrativos da Xunta, como viña sendo práctica habitual na EGAP até datas recentes.

Neste sentido, desde a CIG consideramos que a formación e a reciclaxe das competencias dos empregados públicos debe ser asumida pola Administración e non polos propios traballadores.

Atendendo ao pedimento realizado hoxe pola CIG, a Dirección Xeral da Función Pública vén de se comprometer a realizar unha reunión o vindeiro xoves 15 de decembro para tratar as repercusións deste novo decreto.