Por parte da Administración informóusenos que outras CCAA como Euskadi e Catalunya teñen en reguladas certificacións de competencia dixital do persoal. A diferencia, como quedou de manifesto logo da pregunta que prantexamos desde a CIG, é que nesas outras AAPP esas certificacións configúranse como mérito ou requisito específico, mais non como requisito con carácter xeral para participar en concursos e procesos de selección. Trátase dunha cuestión de gravidade porque suporía un cambio de calado nos procesos de selección e tamén nos concursos. Falan de producir efectos a partir de 2014. A idea da SXMINT é que o persoal teña esa certificación e contemplan que se actualice cada cinco anos para producir plenos efectos.

Dada esta información, cando lles preguntamos cales van ser os organismos que impartirán esta información, visto que é materialmente imposible que a EGAP proporcione esta formación a todo o persoal antes de 2014, non se pronunciaron con claridade sobre os rumores das academias que xa están anunciando ao persoal que elas impartirán esa formación obrigatoria. Non só iso, senón que ao preguntar nós se esta formación vai ser financiada pola Administración ou vai correr por conta do persoal que queira concursar, promocionar ou opositar, non se nos contestou.

En canto á validación de formación para obter a certificación, explicóusenos que non sen admiten os cursos homologados de AFCAP nin ningún cursos da EGAP anteriores a 2011. Só validan o módulo de formación profesional regulado no módulo estatal, e a formación que se proporcione neses organismos e entidades que concerten coa SXMIT, non queréndonos con claridade dicir cales serán, malia que certas academais xa están a dar a entender que van ofertar esa formación.

Por outro lado, certas informacións contradinse coa EGAP, no sentido de que a na xuntanza a Administración informou que as probas libres non contan no tope de formación anual, e a EGAP informou que si. Tamén informámoslle de que existen certas contradiccións na posibilidade que recoñece a SXMIT de xuntar formacións de software libre e propietario e a imposibilidade da que informa a EGAP. Quedaron de falar coa EGAP e solucionalo.

As organización sindicais estamos unánimemente en contra deste decreto e anunciamos a intención de denuncialo nos xulgados por non ser negociado. Desde Función Pública ofrécesenos como alternativa negociar unha orde de desenvolvemento que limite os aspectos cos que non estamos de acordo, e que nos remitirían nos vindeiros días.

Por último, cómpre ter en conta que a Administración está a incumprir frontalmente o acordo de mellora do emprego de 2008, ao aprobar un decreto que anticipa cambios na promoción do persoal subalterno (e do resto do persoal) sen negociar.