Formación

No DOG Núm. 163 do Martes, 29 de agosto de 2017, a EGAP publica a convocatoria do curso monográfico Modelos de comunicación cos residentes: como comunicarse cos residentes con demencias.

O principal obxectivo do curso é favorecer o desenvolvemento de estratexias de comunicación efectiva e afectiva, promovendo unha intervención comunicativa eficaz coas persoas con demencias, a través da integración das técnicas de comunicación emocional. O curso diríxese ao persoal empregado público das administracións públicas galegas, en situación de servizo activo ou asimilada, que se dedique á atención a persoas maiores ou persoas con discapacidade dependentes, tanto en centros prestadores de servizos sociais coma en servizos de atención domiciliaria.

No DOG Núm. 155 do Xoves, 17 de agosto de 2017, publicouse a convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, presenciais e en liña, e cursos preparatorios para acadar os certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2017/18, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos empregados/as públicos/as da Administración autonómica, da Administración local e da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, non entendendo por tales os empregados públicos da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

A EGAP publica no DOG do martes 27 de xuño a resolución pola que convocan tres cursos de nivel medio e tres cursos de nivel superior de linguaxe administrativa galega para o persoal ao servizo das distintas administracións da Comundiade Autónoma.

As persoas interesadas teñen dez días naturais contados dende o 28/06/2017.

No DOG do venres 5 de maio de 2017, publícase resolución da EGAP pola que se convocan actividades de formación en convenio de colaboración coas consellerías de Política Social, Sanidade e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Estas actividades van dirixidas ao persoal empregado público dependente das consellerías de Política Social, Sanidade, Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e persoal empregado nos servizos sociais comunitarios, vinculado á atención temperá. No caso de quedaren prazas vacantes, poderán participar outros/as profesionais dependentes das administracións mencionadas que interveñan profesionalmente con menores de 0-6 anos de idade.

No DOG do luns, 10 de abril de 2017 a EGAP en colaboración co ISSGA convoca un curso de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre, nivel básico, para empregados públicos, traballadores por conta allea ou autónomos, empresarios e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.

O curso ten 60 horas de duración e conta con 30 prazas. Será en modalidade de teleformación.  O prazo de presentación de solicitudes é do 11 ao 20 de abril de 2017 a través da páxina web da EGAP https://egap.xunta.gal/matricula.

No DOG do luns, 10 de abril de 2017 a EGAP publicou a convocatoria do Programa de autoformación para o persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como para o persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas.

A autoformación oriéntase cara a adquisición de coñecementos e habilidades de xeito autónomo, asumindo a persoa participante un papel activo no proceso de aprendizaxe, a través do emprego das tecnoloxías da información e da comunicación, ao mesmo tempo que se lle ofrece a posibilidade de acreditar a súa competencia mediante unha proba voluntaria, que lle dá dereito a obter un certificado de equivalencia.

No DOG do venres 7 de abril de 2017 publicouse a convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal que preste servizo na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico. Estos cursos están organizados pola EGAP en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Convócase as seguintes edicións de 25 prazas cada unha:

  • 5 edicións de nivel medio en modalidade de teleformación 
  • 6 edicións de nivel superioen modalidade de teleformación
  • 1 edición de nivel medio en modalidade presencial  (SANTIAGO).
  • 2 de nivel superior en modalidade presencial (SANTIAGO).

No DOG do martes 7 de marzo, publícase unha resolución da EGAP pola que se convocan actividades de formación para o persoal das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia e institucións públicas autonómicas.

As actividades formativas obxecto desta convocatoria impartiranse en dúas modalidades: teleformación e presencial.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, polo que comeza o mércores 8 de marzo e remata o venres 17 de marzo ás 14:00 h.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.gal/matricula.

O número máximo de cursos que se pode solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a seis en todas as convocatorias cuxo prazo de matrícula sexa coincidente.

No DOG do 1 de marzo de 2017 publícase a resolución pola que a EGAP convoca as actividades de formación continua en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, polo que comeza ás 8:00 horas do 2 de marzo e remata ás 14:00 horas do 11 de marzo de 2017.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.gal/matricula.

O número máximo de actividades formativas que se pode solicitar limítase a tres.

A Resolución da EGAP, publicada o venres 17 de febreiro, exclúe da convocatoria de formación continua correspondente ao primeiro semestre do ano 2017, ou cando menos déixalles os “restos”, a todo o persoal funcionario ou laboral que presta servizos en entes instrumentais (AMTEGA, ATRIGA, IGE, etc.)

O punto 3 da base primeira da referida Resolución 17/2/2017, pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración pública de Galiza indica que:

"Así mesmo, o persoal que presta servizos nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e institucións públicas autonómicas, poderán acceder a todas as actividades formativas desta convocatoria en que queden prazas vacantes".

O artigo 45.a) referido da Lei 16/2010 (LOFAXGA) a que nos remite a Resolución da EGAP indica que estas entidades son as entidades públicas instrumentais: organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos.

Con esta redacción, a EGAP dá un tratamento diferente ao persoal funcionario e laboral dependente da Dirección Xeral de Función Pública segundo o centro onde presta servizo: quen presta servizo nas distintas dependencias das consellerías e os seus centros, e quen presta servizo nas axencias, organismos autónomos, ..

A decisión de dividir a Administración xeral en entes instrumentais foi decisión política. A inmensa maioría do persoal funcionario ou laboral adscrito a algunha desas entidades, estano porque o executivo e o lexislativo así o decidiron. En ningún caso perden o vínculo con Función Pública, e á CIG resúltalle inaceptábel que agora a EGAP poña barreiras a uns máis que a outros.

Para a Directora Xeral da Escola Galega de Administración Pública, coa que xa contactou a CIG, trátase simplemente de un problema de interpretación. Para a CIG non abonda, pois o literal da norma di claramente o que aquí afirmamos, polo que esiximos unha corrección de erros.

Se os cursos che son denegados pola “interpretación” da directora da EGAP, contacta coa CIG.