Formación

O mércores 19 publicamos unha nova titulada “Fórmate para prestar un mellor servizo. E de paso financia á EGAP”, onde informabamos de que a EGAP faría caixa coa formación dos empregados públicos. Faciamos referencia a dous cursos publicados no DOG dese día: curso superior sobre as leis 39/2015 e 40/2015 do procedemento administrativo común (LPAC) e do réxime xurídico do sector público (LRXSP); e curso superior sobre transparencia, bo goberno e datos públicos.

Ao redactar a nova, fixemos pola nosa parte unha interpretación errada ao afirmar que co curso sobre as leis 39/2015 e 40/2015 sucedía o mesmo que co curso sobre transparencia. Advertido o erro, corrixímolo: mentres no curso superior sobre transparencia si se lle vai cobrar o persoal funcionario e laboral da Xunta de grupos A1, A2, I e II 200 euros, no curso sobre as leis 39/2015 e 40/2015 só terán que pagar aquelas persoas que non sexan empregados/as públicos da Xunta de Galiza

Corrixido o erro, aproveitamos para facer unha reflexión colectiva: a formación continua é un piar fundamental para que os empregados públicos desenvolvan axeitadamente o seu traballo. É totalmente inaceptábel que a formación nunha materia tan importantes se “oferte” unicamente ao persoal dos grupos superiores da administración, polo que rexeitamos este proceder da EGAP e esiximos que a formación se ofreza por igual a todos os empregados públicos que para desenvolver o seu traballo diario necesitan ter coñecemento nesas materias.

Dende a CIG entendemos que os recursos públicos da EGAP deben estar dirixidos á formación dos empregados públicos e non do persoal alleo á administración pública, aínda que sexa pagando.

Os empregados públicos imos ter que pagar por formarnos para desenvolver mellor o noso traballo. A EGAP (en diante, “Escola Galega de Administración Privada”), quere facer caixa coa formación dos empregados públicos.

No DOG do mércores 19 de outubro publicáronse as convocatorias de dous cursos da EGAP sobre asuntos de alta importancia para a prestación de servizo público. Sendo do interese da Administración formar ao seu persoal, sorprende que teñamos que pagar pola formación recibida. 

  • O primeiro é o curso superior sobre as leis 39/2015 e 40/2015 do procedemento administrativo común (LPAC) e do réxime xurídico do sector público (LRXSP). Son dúas leis piares do traballo administrativo e por tanto que todo o persoal das administracións teñen que coñecer. Destinado a funcionarios do grupo A1 e A2, así como persoal laboral dos grupos I e II, ten un prezo de 100 euros.
  • O segundo é o curso superior sobre transparencia, bo goberno e datos públicos, organizado conxuntamente pola EGAP, Valedor do Pobo e Consello de Contas de Galiza. Igual que o anterior vai tamén destinado a funcionarios A1 e A2, e laborais dos grupos I e II. Sorprende neste segundo curso ver como dous organismos como son o Valedor do Pobo e o Consello de Contas, supostamente vixiantes do bo funcionamento e dos excesos da Administración, van cobrar conxuntamente coa EGAP, 350 euros pola formación, cun desconto de 150 para o persoal da Administración Autonómica.

 

A Xunta ven de publicar no DOG do 8 de xullo a resolución pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galiza (ver anexo II).
 
O número máximo de actividades que se poden solicitar son cinco.  O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ás 8:00h e remata o 18 de xullo ás 14:00h. 
 
As solicitudes de participación nas actividades formativas teñen que facerse telemáticamente a través do formulario de matrícula dispoñible na web da EGAP

No DOG do 15 de abril publicouse a convocatoria de cinco cursos de nivel medio de linguaxe administrativa galega, catro na modalidade de teleformación e un na modalidade presencial (Santiago de Compostela) . Estes cursos están organizados pola EGAP en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para o persoal ao servizo de distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os cursos darán comezo en maio e rematan en xullo co exame final. O número de prazas por curso será de 30, salvo o curso destinado a empregados públicos ao servizo da Administración autonómica de Galicia, impartido na modalidade de teleformación, que conta con tres edicións e, polo tanto, con 90 prazas.

O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es/matricula. É preciso estar en posesión do título Celga 4 ou equivalente. Cada persoa só poderá solicitar unha edición do curso convocado. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

 

No DOG do 15 de marzo publicouse a Resolución de AMTEGA pola que se convocan probas de avaliación de carácter libre para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, regulada polo Decreto 218/2011, mediante a superación dunha proba presencial na cal que acrediten os coñecementos, capacidades e destrezas definidos no Plan formativo ofimático de Galiza.

O número de prazas, localidades e datas (entre o 27 e 29 de abril) en que se realizarán as probas están publicadas na Resolución.

O prazo para inscribirse remata aos 7 días naturais dende o seguinte á publicación (día 22 de marzo, inclusive).

No DOG do 4 de marzo de 2016 publícase a resolución pola que a EGAP convoca as actividades de formación continua en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, polo que comeza ás 8:00 horas do 5 de marzo e remata ás 14:00 horas do 14 de marzo de 2016.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula.

O número máximo de actividades formativas que se pode solicitar limítase a tres.

No DOG do martes 1 de marzo, publicase unha resolución da EGAP pola que se convocan actividades de formación para o persoal das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia e institucións públicas autonómicas.

As actividades formativas obxecto desta convocatoria impartiranse en dúas modalidades: teleformación e presencial.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, polo que comeza o martes 2 de marzo e remata o venres 11 de marzo ás 14:00 h.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula.

O número máximo de cursos que se pode solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco en todas as convocatorias cuxo prazo de matrícula sexa coincidente.

Convocadas probas para a obtención de determinados Carnés Profesionais e Habilitacións Profesionais no ano 2016 (Orde do 1 de Febreiro de 2016, DOG 11 de Febreiro de 2016).

Consulta na seguinte ligazón a información desta convocatoria, na que se indican os carnés e habilitacións convocadas, así como os requisitos a cumprir, documentación a aportar, prazos e o procedemento a seguir.

A EGAP convoca 197 actividades formativas destinadas aos empregados públicos ao servizo da Xunta de Galiza ainda que tamén poderán solicitalas empregadas e empregados públicos pertencentes a outras entidades, organismos e institucións públicas cando así se estableza na epígrafe Destinatario da actividade formativa. Ademais poderán acceder a todas as actividades formativas desta convocatoria nas que queden prazas vacantes.

A presentación de solicitudes estará aberta desde as 8 horas do 13 de febreiro ata as 14 horas do 22 de febreiro en http://egap.xunta.es/matricula

Para máis información podedes consultar a páxina da EGAP ou no na resolución publicada no DOG núm. 29 do 12 de febreiro.

No DOG do xoves 28 de xaneiro publícase a Resolución pola que se publica o Plan de formación do persoal das administracións e entes públicos da Comunidade Autónoma, das entidades locais e da Administración de xustiza de Galicia, así como do persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas, para o ano 2016.

Esta resolución ten carácter informativo e a execución das accións recollidas nela queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e ao que se estipule en cada convocatoria. Isto quere dicir que poderán sufrir modificacións xa que non é a primeira vez que a Xunta utiliza a formación de xeito propagandístico e do que se anuncia ao que en realidade se fai pode haber un treito considerable.

Para acceder ás accións formativas recollidas neste plan os empregados públicos deberán formalizar a súa matrícula logo de que se publiquen no Diario Oficial de Galicia as correspondentes convocatorias.