Formación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a Resolución do 23 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convoan probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celta 1, 2, 3 e 4, no ano 2016.

As probas terán lugar en abril do 2016, en Santiago de Compostela e en Ponferrada.

Máis información.

O 21 de setembro a EGAP publica na súa web anuncio de convocatoria de  “tres cursos dirixidos ao persoal informático funcionario ou laboral ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas no apartado a) do artigo 45 da LOFAXGA (Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico (DOG do 31)).” Dito anuncio foi comunicado a través do correo electrónico as contas corporativas a algúns dos posibles solicitantes o día 21/09/2015 e a outros chegoulle a través de correo o 23/09/2015. O anuncio da convocatoria é de data 21/09/2015. Por suposto, non se publicou ningunha convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Segundo o anuncio de convocatoria o prazo de inscrición é das 08.00 horas do día 22 de setembro ata as 23.55 horas do día 23 de setembro. Segundo a páxina da EGAP o prazo de inscrición é desde as 8 horas do día 22 de setembro ata as 14 horas do día 23 de setembro de 2015

Este xeito de “convocar” actividades formativas prexudica o persoal que se atopa de vacacións ou de permiso.

A CIG ven de dirixir dous escritos, un á EGAP e outro a Amtega, solicitando a publicación da convocatoria destas accións formativas no Diario Oficial de Galicia e apertura dun novo prazo de inscrición de mínimo de 15 días que garanta os dereitos de todo o persoal afectado.

O martes 14 de xullo tivo lugar unha xuntanza do Consello Reitor da EGAP, na que se trataron asuntos como: cesión do espazo da EGAP, pagamento por asistencia, problemas no acceso a cursos de sección e negociado, cursos de persoal directivo ..

Informáronos que van facer unha cesión de espazo de 1/3 dos locais da EGAP para que se instale alí tanto o persoal da Secretaría Xeral para o Deporte que se atopa no Estadio de San Lázaro, como o persoal da Dirección Xeral de Administración Local que se atopa na Praza Europa en Fontiñas (Área Central). Isto vai supoñer un recorte nas prestaciónda EGAP a nivel de aulas e tamén a nivel de cursos, curiosamente cando segundo datos da propia EGAP este ano quedaron sen prazas, e polo tanto sen acceso a cursos, a metade dos solicitantes, é dicir unhas 16000 solicitudes.

Fixemos fincapé no escrito presentado pola CIG en relación ao “Curso de especialización sobre dereito de patentes”, salientando que no citado curso había 30 prazas para empregados públicos, que tiña un custe de 250 € por alumno/a. A CIG oponse rotundamente a que cursos impartidos para calquera tipo de persoal que sexa empregado público teñan custe para dito persoal.

No DOG do 08/04/2015 faise pública a convocatoria das actividades de formación contínua de lingua inglesa e alemá para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autonóma de Galicia. As solicitudes de participación nas actividades formativas terán que realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da EGAP.

O número máximo de actividades formativas que se pode solicitar limítase a tres. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día 9 de abril e rematará ás 14.00 horas do 18 de abril de 2015.

 

No DOG do 19/3/2015 publícase unha convocatoria de cursos de idiomas (inglés, francés e portugués) dirixidos ao persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma galega.

Trátase da convocatoria de once cursos presenciais coa seguinte distribución: catro edicións de conversa en inglés de 50 h e 15 prazas por curso, un curso de inglés elemental (A2) de 100 h  e un curso de inglés intermedio (B2) de 100 h. de 20 prazas cada un. En canto á lingua francesa, convocáronse dous cursos presenciais de lingua francesa A1, dous cursos de lingua francesa A2 e un curso de lingua francesa B1-Atención ao público (Intermedio) de 50 h e 20 prazas por curso.

No DOG do 02/03/2015 publícase a Resolución do 24 de febreiro de 2015 pola que se convocan as actividades formativas e as probas de avaliación de carácter libre que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia para o persoal ao servizo da Administración autonómica de Galicia.

O certificado expedido pola Escola Galega de Administración Pública que acredite a superación das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, na modalidade de teleformación ou de acceso libre, permitirá obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, nos termos previstos no Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es.matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

No DOG do 03/02/2015 publícase a Resolución do 28 de xaneiro de 2015 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O número máximo de cursos que se pode solicitar limítase a seis.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

Ligazón á convocatoria de cursos no DOG do 03/02/2015

Por se é do teu interese persoal ou de alguén do teu entorno, aquí tes a relación de cursos de formación do plan intersectorial 2014-2015.

É unha proposta, pendente de aprobación por parte da Xunta de Galiza, dirixida preferentemente a persoas traballadoras en activo, pero con prazas que poden ser destinadas a persoas en situación de desemprego, existindo un cupo de prazas que poden ser destinadas a persoas traballadoras en activo ao servizo das Administracións Públicas.

A previsión de datas e lugares pode sufrir variacións. A formación é 100% subvencionada.

Máis información en forGa: https://www.forga.gl

Descargar.

Os límites da decencia, que hai tempo que foron saltados por este goberno, quedan xa a tanta distancia de Feijoo e o seu goberno, que o pudor lles é alleo. Tanto é así, que cando a gangrena da corrupción invade todo o corpo do Partido Popular e este apodrece, non dubidan en sinalar aos empregados/as públicos/as como culpábeis. Cando xustiza e a prensa din: Paula Prado, Pachi Lucas e Feijoo, Odilo Martiñá e Operación Zeta, e un largo etcétera, o noso goberno responde: Curso de Ética Pública para empregados/as públicos/as. Igual que Nerón culpando aos cristiáns.

A Escola Galega de Administración Pública convoca para os días 27 e 28 de novembro un curso monográfico sobre ética pública e medios para previr a corrupción destinado ao persoal ao servizo da Administración galega.

E un dos ponentes estrela vai ser un dos primeiros políticos galegos condenados por prevaricación: Xosé Luís Barreiro Rivas, ex vicepresidente da Xunta con Alianza Popular, a quen o Tribunal Supremo condenou a 6 anos de inhabilitación especial para cargos públicos.Barreiro dará a charla Os compoñentes éticos, políticos e xurídicos dunha sociedade limpa, que impartirá o xoves 27 de novembro na EGAP.

No DOG do 24/03/2014 publícase a convocatoria do programa de autoformación para o persoal ao servizo da Administración autonómica galega.

Cada unha das actividades está composta de contidos multimedia actualizados, material complementario e, dado que non existe a figura do titor, cuestionarios de corrección automática, que facilitan unha aprendizaxe autónoma máis efectiva. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación finais na sede da EGAP.

Todos os empregados públicos e as empregadas públicas da Administración da Administración autonómica galega que desexen acceder aos contidos das actividades do programa de autoformación poden facelo, sen pasar por un proceso de selección, inscribíndose na zona de matrícula da EGAP. A inscrición para o acceso aos contidos pode facerse en calquera momento a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata o 30 de decembro de 2014. Cada persoa determinará libremente o número de actividades nas que queira inscribirse.