Formación

A APLU (Axencia de Protección da legalidade Urbanística) convocou unha xornada de formación (a celebrar no Gaiás) sobre os efectos que ten para Galiza a nova Lei de Costas.

Desde a CIG lle manifestamos á Consellaría de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio (da que depende a APLU) o noso mais absoluto desacordo e estupor ante o feito de que as empregadas e empregados públicos que tiveren interese e/ou necesidade de participación na actividade formativa tiveran que facer o aboamento de 20 euros de matrícula.

Cremos que a propia consellaría estará de acordo en que a formación no cadro normativo que introduce a polémica nova lei, en materia de protección de costas, debe ser ben coñecido por parte das empregadas e empregados públicos que poidan precisalo no seu traballo profesional. De aí o absurdo de que lle for reclamado o aboamento da matrícula.

No DOG do 17/07/2013 publícase a Resolución do 4 de xullo de 2013 pola que se convoca a terceira edición das probas de avaliación de carácter libre das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia para o persoal ao servizo da Administración autonómica de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a través do portal da EGAP (http://egap.xunta.es/matricula).

Os exames realizaranse entre o 11 e o 20 de novembro de 2013. Pódense consultar as probas libres ofertadas no DOG.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de estimar a demanda presentada pola CIG contra o Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (DOG nº 229 do 30/11/2011). 

Este decreto foi aprobado no seu momento sen previa negociación coas organizacións sindicais, apesar de incidir directamente no "acceso, carreira, provisión, sistemas de clasificación de postos de traballo, e plans e instrumentos de planificación de recursos humanos" da Función Pública, materias que deben ser obxecto de negociación colectiva obrigatoria ao abeiro do artigo 37.1.c) do Estatuto básico do emprego público. 

Neste sentido, o artigo 4 do Decreto 218/2011, agora declarado contrario a Dereito e anulado polo TSXG, establecía que a certificación de competencias dixitais "poderase valorar como mérito ou establecer como requisito de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal e como base obxectiva para a promoción profesional, nos termos que estableza a normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia".

A nulidade do artigo 4 do Decreto 218/2011 implica que a Certificación de Competencias Dixitais en Ofimática da Xunta (CÓDIX) sigue existindo, pero deberán negociarse coa representación legal dos traballadores e traballadoras os termos nos que incidiría nos concursos de traslados, nos procesos selectivos e na promoción profesional do persoal da Administración da Xunta de Galicia.

Por outro lado, rexeitamos con contundencia o contumaz xogo suxo da Xunta, que nos últimos tempos viña poñendo atrancos na participación da CIG no convenio para a homologación dos cursos de ofimática impartidos por ForGA como entidade colaboradora en materia de formación dos empregados públicos.

Curiosamente -ou non-, os impedimentos que se lle veñen poñendo á CIG no convenio para a homologación dos cursos de ofimática non foron experimentados polas demais organizacións sindicais representativas, que non presentaron recurso ante os Tribunais de Xustiza contra o Decreto 218/2011, apesar da ilegalidade palmaria do artigo 4, como vén agora a recoñecer o TSXG. 

Na sentenza, por último, o TSXG rexeita todos e cada un dos argumentos esgrimidos pola Administración en defensa da legalidade do referido artigo 4 do Decreto, impoñéndolle á Xunta as custas do proceso. Na práctica, isto significa que a cidadanía acaba pagando as custas dos despropósitos dos responsables políticos do Partido Popular na Xunta de Galicia, que defendeu nos xulgados con cartos públicos unha disposición de meridiana ilegalidade.

Sentenza do TSXG sobre o Decreto 218/2011 de competencias dixitais

Tralo curso organizado pola EGAP sobre o "futuro da función pública" chega agora o "futuro do Estado autónomico". Desta volta, e nun novo alarde de hipocresía, a Xunta non se priva de utilizar cartos públicos autonómicos para atacar a propia configuración autonómica galega que lle permite dispoñer deses cartos.

Nesta época de austeridade chama a atención que se detraian cartos da finalidade fundamental da EGAP, formar as empregadas e empregados públicos, para organizar cursos monográficos de adoutrinamento político aos que invitar aos amigos do partido. Entre tantas personalidades do mundo da Universidade e catedráticos destacan Carlos Negreira, Alcalde da Coruña, e Romay Beccaria, actualmente presidende do Consello de Estado. E dicimos amigos porque curiosamente, entre os 11 ponentes, non figura nin unha soa muller.

Entre resto de ponentes de "diversidade ideolóxica" atopamos na conferencia inugural a Tomás-Ramón Fernández Rodríguez, catedrático emérito da Complutense, coñecido por andar en todos os programas da TDT-party falando sobre a necesidade da reforma da constitución no título VIII, para reconducir  as autonomias e retirar competencias "excesivas" que lles foran transferidas. Tamén está xa un clásico entre este tipo de cursos da EGAP, como é Roberto Blanco Valdés, unha persoa coñecida polos seus ataques á función pública galega pero que non lle fai noxos a cobrar dela.

No DOG 30/05/2013 publicase a convocatoria dos cursos de formación continua da EGAP correspondentes ao 2º semestre do ano 2013 para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral.

As solicitudes realizarase vía telemática na área de matrícula da páxina web da EGAP: http://egap.xunta.es. O prazo de presentación de solicitudes comezará o ás 8:00h do 31 de maio e rematará ás 14:00h do 18 de xuño.

Podedes consultar o listado de cursos ofertados e as condicións da convocatoria na seguinte ligazón.

Desde o 6 de maio e ata a data de comezo de cada curso está aberto o prazo para inscribirse no Plano de Formación Interadministrativo. Esta oferta formativa está dirixida ao colectivo de persoal laboral, funcionario e estatutario en activo das Administracións Públicas. Na páxina de forGA atoparedes esta oferta formativa subvencionada dividida por áreas: Administración Pública, Sanidade e Ensino; tedes que premer no botón da oferta formativa de "Administración".

Na seguinte ligazón, ademais da oferta de cursos subvencionados de Administracións públicas, atoparedes toda a oferta específica para persoas desempregadas. En ambos os dous casos, tedes información sobre como se solicitan os cursos, como se selecciona ao alumnado e como se desenvolverán estes. A solicitude se fai premendo no botón de "solicitar praza" que aparece no recadro de cada curso.

A Consellaría de Educación, a través da súa Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, ven de mandar unha circular na que se lle prohíbe ao persoal de administración e servizos a matrícula nas probas de certificación de idiomas. Dita circular, que non foi negociada cas representantes das traballadoras e traballadores, atenta claramente contra tratados internacionais firmados polo estado que contemplan o dereito fundamental á educación. Pero isto ao PP dalle igual e sigue na súa teima de transformar o ensino nun recurso elitista. A isto únese que ao persoal non docente tamén se lle retirou a subvención da matrícula nos centros públicos mentres que ao persoal docente, cun poder adquisitivo dúas e tres veces maior, se lle mantén. Isto é, trabas e máis trabas para impedir a formación do persoal.

No DOG do 29/04/2013 a EGAP publica a resolución pola que se convoca un toal de 1.000 prazas a través da segunda edición das probas de avaliación de carácter libre das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia para o persoal ao servizo da Administración autonómica de Galicia.

Os contidos das accións formativas deberían estar abertos para os efectos de favorecer a preparación das probas libres, atendendo á solicitude da CIG para a primeira edición. As traballadoras e traballadores seleccionados para as probas libres de ofimática deberían poder acceder aos correspondentes contidos a través da plataforma de teleformación da EGAP. 

Deixámosvos unha táboa cos cursos de formación continua que se van realizar no ano 2013. A medida que se vaia confirmando e ampliando a oferta formativa iremos actualizando a dita táboa para mantervos informados.

Se precisades ampliar información podedes facelo nos locais da CIG das vosas respectivas localidades e nas dependencias de forGA na que vos informarán sobre a forma de inscrición, prazos,... e calquera outra dúbida que poidades ter.

Curso Horas Data Comarca
Axentes Xudiciais Forestais 30 horas 13 de maio - 23 de maio Compostela
Linguaxe administrativa - Nivel Medio 75 horas 3 de xuño - 5 de xullo Compostela
Medios técnicos de protección e defensa contra incendios 30 horas 6 de maio - 23 de maio Ourense
Linguaxe administrativa galega - Nivel Medio 75 horas 13 de maio - 25 de maio Ourense
Sistema Operativo, búsqueda de información: Internet e correo electrónico   9 de setembro - 20 de setembro Pontevedra
Aplicacións informática de tratamento de texto   30 de setembro - 11 de outubro Pontevedra
Aplicación informáticas para presentacións: Gráficas de información   18 de novembro - 29 de novembro Pontevedra

 O prazo de preinscripción abrirase en breve a través da plataforma telemática do Forga.

 

No DOG do 11/03/2013 vense de publicar a convocatoria de dúas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o persoal da Administración autonómica de Galicia:

  • Cursos de linguaxe administrativa galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Accede á convocatoria

  • Probas de avaliación de carácter libre das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia. Accede á convocatoria

O prazo de presentación de ambas solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 22 de marzo de 2013 ás 14.00 horas. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es/matricula