Formación

No DOG 06/03/2012 publícase a convocatoria de dúas edicións de teleformación dos cursos de perfeccionamento de xefatura de negociado e xefatura de sección para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día da publicación desta resolución no DOG e rematará o 16 de marzo de 2012 ás 14.00 horas.

Un dos aspectos polémicos destes cursos é a preferencia na selección para as persoas que xa ocupan unha xefatura de negociado ou sección. Segundo nos informa a propia EGAP, primeiro seleccionarase aos alumnos entre as persoas que acrediten que desempeñan estes postos e despois entre o resto. Isto quere dicir que para estes casos prima o posto antes que, por exemplo, o tempo sen realizar cursos ou a antigüidade na Administración (criterios: DOG 10/01/2008)

Xa están convocadas as probas para a obtención dos Certificados de Lingua Galega (CELGA Nivel 1, 2, 3 e 4) no ano 2012. Estas probas están dirixidas a aquelas persoas que precisen certificar o seu coñecemento de lingua galega para acceder a un posto de traballo ou a unha actividade de formación.

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 3 de abril de 2012.

Infórmate sobre os requisitos, a documentación necesaria, e o procedemento a seguir para participar nestas probas, consultando o seguinte documento. Tamén tes á túa disposición o apartado da plataforma www.forga.org correspondente a esta convocatoria, no que atoparás a solicitude de incrición e o modelo de taxas.

As organizacións sindicais mantivemos xuntanza coa Dirección Xeral da Función Pública e un funcionario da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT), para informar sobre os efectos do Decreto de competencias dixitais.

Na xuntanza, informóusenos de que a aprobación deste decreto corresponde tanto a necesidade de esixirlle ao persoal formación ofimática de calidade, como a intención de eliminar as probas selectivas de informática nas oposicións, polo elevado custe que lle supon en en loxística a Administración.

Para este fin, o que fixo a Administración é inspirarse nos requisitos para obter a certificación profesional de competencias en ofimática, regulada a nivel do Estado, e crear unha certificación "ad hoc"que so tería efectos "oficiais" dentro da Xunta, pero que esta aberta a toda a cidadanía e contan que sexa tomada en conta polas empresas como referencia da competencia ofimática do persoal.

Segundo o acordado na xuntanza do xoves, 15 de decembro, presentamos por escrito as nosas consideracións sobre o Decreto de Competencias Dixitais ante o director xeral de Función Pública. Estas consideracións serán estudadas nunha vindeira xuntanza que terá lugar previsiblemente este mércores e na que tamén estará presente a Secretaría Xeral da Modernización Tecnolóxica.

En primeiro lugar, dada a complexidade e relevancia dos efectos deste decreto e a ausencia de negociación coas organizacións sindicais, consideramos que cómpre a súa retirada, así como a mora na súa aplicación mentres non sexan negociados coas organizacións sindicais todos os aspectos que afectan aos empregados públicos, deixando constancia da nosa disposición para recorrer contra o dito decreto ante os tribunais de xustiza se non se acada unha solución satisfactoria

Na xuntanza convocada por pedimento da CIG o xoves 15/12/2011 para demandar aclaracións sobre o Decreto 218/2011 sobre competencias dixitais, a Dirección Xeral de Función Pública informou que ese departamento non tivo coñecemento da súa aprobación e comunicoulles ás organizacións sindicais que, unha vez manifestadas as súas consideracións, realizarase unha nova xuntanza o vindeiro mércores 21 de decembro para informar de todas as cuestións técnicas que implica a entrada en vigor do dito decreto.

A consecuencia da xuntanza, e constada a absoluta falta de información sobre as condicións de validación e realización das probas, a Administración resolveu ampliar o prazo de inscrición das probas libres até o día 23 de decembro de 2011 ás 15.00 h. Esta ampliación de prazo aínda non foi publicada no DOG pero xa é aplicable na páxina web da EGAP, permitindo o apartado "Zona de Matrícula" inscribirse até o día 23 e non até o día 16 de decembro como se anunciou nun principio.

No DOG do 16/12/2011 faise pública a convocatoria de cursos de formación continua do persoal ao servizo da Administración Pública da Comunidade autónoma galega. O persoal que desexe participar nos cursos deberá cumprimentar o formulario da matrícula na páxina web da EGAP.

O número máximo de cursos que se poden solicitar son cinco. O prazo de presentación de solicitudes comenzará o día 16 de decembro ás 14:00 horas e rematará o 3 de xaneiro de 2012.

Descarga a convocatoria (listado de cursos incluídos)

Na Comisión de Persoal do martes 13/12/2011, a CIG-Autonómica vén de demandar á Dirección Xeral da Función Pública aclaracións sobre as repercusións para os empregados públicos do novo Decreto 218/2011, de certificación de competencias dixitais.

Este decreto, publicado no DOG do 30/11/2011, e aprobado sen negociación coas organizacións sindicais, vén a introducir unha nova certificación que pode ser esixida como mérito ou como requisito de participación en procesos de provisión de postos (concursos de traslados) e de selección de persoal (promoción interna e acceso á función pública), o que significa que terá importantes efectos no futuro para o desenvolvemento profesional de todos os empregados públicos da Xunta de Galicia.   

No DOG de 05/12/2011 publícase a Resolución do 1 de decembro de 2011 pola que se convocan as probas de avaliación de carácter libre das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán participar nas probas convocadas por esta resolución os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopan en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral.

No DOG nº 229 do 30/11/2011, vén de se publicar o Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

Este decreto, que foi aprobado sen previa negociación coas organizacións sindicais, regula os requisitos para a obtención da certificación de competencias dixitais en ofimática.

No artigo 4 do decreto, disponse que a dita certificación "poderase valorar como mérito ou establecer como requisito de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal e como base obxectiva para a promoción profesional, nos termos que estableza a normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia".

Isto podería ter consecuencias para o persoal subalterno que participe en procesos de promoción interna para subgrupo C2, pero tamén para calquera proceso de provisión de postos ou proceso selectivo no que se establecese a dita certificación como requisito de participación.

A web da EGAP é de sobra coñecida polos seus "ansiados" temarios que saen tarde, mal e arrastro,  agora tamén polo atraso engadido das edicións en galego e inzadas estas de erros. Desde fai uns meses a falta de actualización da plataforma "on-line" converteuse tamén noutra das deficiencias desta escola.

A CIG-Autonómica vén de formular queixa e reclamar que se adopten medidas urxentes para resolver  estes asuntos que se producen con demasiada e reiterada frecuencia na EGAP.