Lexislación

O director xeral de función pública convocou Mesa Xeral de Empregados Públicos para o mércores 17/10/2018 para tratar o anteproxecto de lei de orzamentos do 2019 e o anteproxecto de lei de medidas (lei de acompañamento).

Para tratar os asuntos que van á Mesa Xeral, fomos convocados a unha xuntanza previa o luns 15. Entregáronos na xuntanza un documento de 6 páxinas con modificacións da Lei de emprego público de Galiza. Ante a protesta da CIG limitáronse a convidarnos a que presentásemos achegas, se queremos, antes das dúas da tarde do martes 16 e "estudarán" se son tidas en conta para a Mesa Xeral do 17. Din que están "abertos a negociar" [sic]. Esquecéndose de que tiveron meses antes para convocarnos e negociar, en realidade o que fan é apurar os tempos e utilizar a chantaxe de que se nos retrasamos “non entra nos presupostos”.

A falta de respecto ao proceso negociador, tanto polo manexo dos tempos, o xesto riseiro do Director Xeral, as múltiples alusións ao II Acordo Estatal (asinado en Madrid por CCOO, UGT e CSIF) que lle fixo ao resto das organizacións sindicais como si ao ter xa aceptado as medidas en Madrid aforrabamos a negociación aquí... Todo isto fixo que ao saír da xuntanza tiveramos unha vez máis, a sensación de falta de seriedade e insulto a negociación colectiva. En definitiva, van a tentar cumprir o mínimo legal e o visten de negociación.

Achéganos función pública o borrador do anteproxecto da Lei de Administración Dixital de Galiza.

Esta lei ten varios artigos que afectan directamente a todos os traballadores da administración en Galiza. Senta as bases para definir as competencias dixitais “desexables” do persoal empregado público, tomando como referencia o marco galego de competencias dixitais baseado no DIGCOMP pero adaptado ás súas peculiaridades co establecemento de cinco áreas de competencia dixital, agrupadas en tres niveis de dominio previstos para cada competencia: básico, intermedio e avanzado. Posteriormente desenvolverán un itinerario formativo para adquirir os diferentes niveis da competencia dixital.

Xa pasou mediados de setembro e sen novidades no frente. Seguimos sen novas dos concursos de traslados, nin do plan de mellora de emprego nin carreira profesional. O único movemento o decreto de provisión de postos que nos enviaron en setembro.

Despois da sobrecarga de asuntos nos meses de xuño, xullo e primeira quincena de agosto, unha vez que xa pasamos mediados de setembro seguimos sen novas do baremo xeral común a todos os concursos (nunca chagaron a enviarnos o último borrador prometido antes do verán). Tampouco enviaron en setembro o borrador da convocatoria do comprometido concurso de corpos xerais. E agora, que van poder concursar os compañeiros e compañeiras que obtiveron praza no concurso anterior, o único que moven é o borrador dun novo decreto de provisión.

O nome correcto deste decreto de provisión é "decreto polo que se aproba o regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico". Nel fixan unhas liñas básicas dos procedementos de cobertura de postos mediante os concursos ordinarios e específicos, as libres designación e as comisións de servizo. Podemos presentar alegacións antes do venres 21 de setembro (se queres enviarnos algo sobre este decreto contacta coa CIG).

A Lei do emprego público de Galiza, a lei que substitúe á Lei da función pública, xa está publicada no Diario Oficial de Galiza do 4/5/2015.

Descargar.

O Pleno do Parlamento de Galiza debateu e aprobou o martes 28 de abril a Lei de Emprego Público de Galiza, contando co único apoio do Partido Popular, tras rexeitar 802 emendas da oposición.

Mentres no interior do Pleno se desenvolvía o debate, ás portas, delegados e delegadas da Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Saúde e CIG-Administración), concentrámonos para manifestar, unha vez máis, o noso rotundo rexeitamento a esta lei que está moi lonxe de ser unha auténtica Lei de Emprego Público, porque nin fala de recuperación de servizos públicos, nin fala de recuperación de emprego público.

Lonxe disto, denunciamos que a lei vai afondar nas privatizacións na administración e na desaparición de moitas das regulacións que temos as traballadoras e traballadores. Tampouco recupera de ningunha maneira a parte económica que temos recortada nestes anos.

A CIG denuncia ademais que con esta lei consolídanse as taxas de reposición, e polo tanto seguirán a amortizarse as prazas das traballadoras e traballadores que se xubilen ou abandonen a administración por algún motivo. As ofertas de emprego son cero, co cal o pouco que hai neste momento de administración pública vai ir a menos e parte dese traballo vai ir directamente ás empresas privadas que son quen o van facer.

Por iso as e os concentrados solicitamos, unha vez máis, a retirada da Lei e que, de verdade se faga unha lei de emprego público galego onde se poida encetar unha negociación profunda para que efectivamente se aborden os graves problemas que teñen os servizos públicos e o seu persoal.

{phocagallery view=category|categoryid=22}

Por uns Servizos Públicos Galegos de calidade

NON a esta Lei de Emprego Público

Martes, 28 de abril de 2015, 12h, CONCENTRACIÓN no Parlamento de Galiza

Ofrecémosche o Proxecto de Lei do Emprego Público de Galiza que está actualmente en trámite no Parlamento. O texto é o publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galiza, e que difire nalgúns apartados do texto que foi entregado aos sindicatos.

Descargar.

A do martes 14 era a cuarta xuntanza de negociación, artigo por artigo, do terceiro borrador do anteproxecto de Lei do Emprego Público de Galiza.

A CIG vén de retirarse da mesa de negociación do anteproxecto de Lei do Emprego Público de Galiza ao non se aceptar apenas ningunha das emendas presentadas pola central sindical e ao negarse a administración a retirar o plus de altos cargos, o persoal directivo, a avaliación do desempeño, os concursos específicos, as comisións de servizo permanentes, a posibilidade de merma retributiva por avaliación negativa e o manter todos os recortes laborais e salariais para as empregadas e empregados públicos.

A CIG denunciou, en repetidas ocasións e por escrito, que esta lei é o camiño cara a baltarización da Administración Pública, favorece a corrupción, o clientelismo, deixa aos empregados/as públicos/as e a súa carreira administrativa en mans de decisións arbitrarias, favorece a privatización da Administración, crea unha casta de directivos traídos de fora, e ten por principio rector o subxectivismo, que vai condicionar todos os ámbitos da vida administrativa e laboral dos empregados/as públicos/as, dende a mobilidade a través de concursos, ata as súas retribucións.

A decisión adoptámola nesta xuntanza logo de comprobar que ningunha das nosas alegacións principiais eran admitidas. NON HAI NEGOCIACIÓN, só queren impoñer o seu modelo de Administración, con súbditos fieis en vez de con empregados/as públicos/as imparciais.

Nas últimas xuntanzas con representantes da Administración autonómica, a Xunta deixoulle claro á CIG que: vai manter o plus dos altos cargos, vai continuar introducindo  persoal directivo na Función Pública e se nega a poñerlle límite ao custo dos asesores políticos.

Actualmente a Xunta gasta 6,7 millóns de € ao ano en persoal eventual, aquel que segundo a Lei de Función Pública actual é de libre nomeamento das persoas integrantes do Consello da Xunta. Pois ben, ante a proposta austera da CIG de limitar este gasto na propia lei de función pública, a Xunta non só a rexeitou de plano, senón que decidiu eliminar da lei a súa característica de “non permanente” da relación deste persoal. Isto significa que a permanencia deste persoal nomeado a dedo para facer funcións de asesoramento político sairía reforzada.

Por outra banda, a Xunta segue sen cumprir a Lei de Transparencia e boas prácticas que no seu artigo 17 lle obriga a publicar nominalmente na súa páxina web as retribucións públicas percibidas polo persoal eventual, entre outros, con expresa indicación dos diferentes conceptos retributivos.

Os sindicatos CIG, CCOO, UGT e CSIF entregamos o mércores 30 de outubro un escrito dirixido á conselleira de Facenda relacionado coa negociación da futura Lei do Emprego Público de Galiza, solicitando unha negociación real do anteproxecto de Lei.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSI-F, ante o requirimento urxente por parte desa Consellería para efectuar alegacións ao novo borrador do anteproxecto da Lei de Emprego Público de Galicia facémoslle as seguintes Consideracións:

Primeira: No mes de maio de 2013 as catro organizacións sindicais presentamos apresuradamente as alegacións ao que constituía o primeiro borrador do dito anteproxecto. Todo elo porque era intención desa consellería abordar de xeito inminente a negociación de dito texto.