A CIG vén de dirixirse á Dirección Xeral da Función Pública para demandar que cumpra coa normativa vixente en materia de comisións de servizos, respectando a preferencia do persoal do mesmo centro.

Neste sentido, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ferrol, na sentenza sentenza 73/2013 (P.A. 295/2012), estimou a demanda presentada a través dos servizos xurídicos da CIG contra a Consellería de Facenda por un funcionario da Consellería de Traballo e Benestar en relación á cobertura en comisión de servizo do posto de director da Oficina de Emprego das Pontes (Xefatura Territorial de Traballo e Benestar da Coruña).

Esta demanda prosperou en base á ausencia de xustificación dos motivos para incumprir o criterio da preferencia do persoal do mesmo centro para a cobertura de comisións de servizo, recollida na normativa vixente (Resolución de 21 de novembro de 2008 pola que se modifica a Resolución de 27 de marzo de 2006, pola que se ditan instrucións sobre a cobertura temporal de postos de traballo mediante comisión de servizos).

A obriga de motivar os criterios de adxudicación de comisións de servizo está a ser vulnerada de xeito xeneralizado por parte da Administración, limitándose esa Dirección Xeral a aprobar as propostas das Consellerías para a cobertura de comisións de servizo, omitindo a preferencia do persoal do mesmo centro e facendo un uso espurio da comisión de servizos, que se está a empregar para adxudicar postos por afinidades persoais ou políticas, salvando os criterios de obxectividade que se aplican nos concursos de traslados e, na práctica, asimilando os criterios para a adxudicación de comisións de servizo aos da libre designación.

Por outro lado, esa Dirección Xeral está a actuar en contra dos dereitos e intereses lexítimos do persoal da Administración da Xunta, sabedora de que os procesos xudiciais implican un custo que en moitos casos as persoas afectadas non poden asumir, traducíndose isto na impunidade ante os abusos e ilegalidades que se están a producir.

Descargar o escrito dirixido á Dir. Xeral. de Función Pública o 12/07/2013