Con relación a esta nova axencia parécenos unha tomadura de pelo que se derrogue o artigo 39 da Lei 1/1988 de Estatística de Galiza onde se enumeran as funcións co IGE o que da mostra de que non se pretende unha fusión do IGE con CIXTEC senón unha absorción do primeiro que implica a súa desaparición ao limitarlle as súas funcións. E non podemos admitir como transacción un novo texto presentado pola Administración onde unicamente se limitan a poñer numeración ás poucas funcións que viñan no texto orixinal.

Con relación aos dereitos dos cidadáns, pensamos que a protección de datos de carácter persoal facilitados unicamente por razóns estatísticas, periga cando esta axencia ten esa vinculación directa con asuntos doutra natureza.

É tamén contraditorio co discurso de austeridade deste goberno (e xa sabemos para quen é a austeridade), que intenten introducir ás agochadas nesta lei a figura da persoa titular da secretaria xeral das entidades públicas instrumentais.

Tampouco aceptan ningunha das alegacións feitas polos compañeiros de Saúde e Ensino con relación ás demais entidades (Axencia Galega de Servizos Sociais, Axencia en Materia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios e Axencia Galega de Sangue e Tecidos).

A última hora introduciron unha modificación da Disposición Derradeira 5º onde lle van dar cabida no Consello Galego de Benestar ás organizacións presentes na Mesa Xeral (CIG, CCOO, UGT e CSIF), cando a redacción anterior falaba só de tres membros polas organizacións sindicais máis representativas na CCAA (CIG, CCOO e UGT).

CIG- En contra

CCOO- En contra

UGT- En contra

CSIF- A favor