Recentemente vén de ser producir un cambio na doutrina do Tribunal Supremo, en relación coa figura dos contratos de colaboración social non laborais de persoas desempregadas na Administración.

O cambio doutrinal consiste en que a Administración terá que acreditar documentalmente que os servizos prestados teñen carácter social (até agora isto presumíase no caso das AAPP), non podendo consistir nas tarefas habituais propias da dita Administración. Tamén terá que xustificarse o carácter temporal da contratación non laboral de persoas desempregadas.

Aínda que isto non significa que todas as contratacións non laborais de colaboración social de persoas desempregadas na Administración sexan irregulares, a nova doutrina comporta que todas as contratacións non laborais de persoas desempregadas na Administración que non reúnan estes requisitos poderían convertirse en sentenzas individuais de declaración de relación laboral indefinida non fixa coa Administración contratante.

No caso da Xunta, desde a CIG-Autonómica denunciamos en outubro de 2013 o uso desta figura por parte da C. de Educación, que acolleu persoas desempregadas con contratos non laborais de colaboración social para a tramitación das bolsas de estudo. Ao igual que a Xunta, outras administracións como Canarias ou a Comunidade de Madrid veñen facendo un uso extensivo da contratación non laboral de persoas desempregas para paliar a falla de efectivos debida á taxa de reposición cero.

Esta nova doutrina, por outro lado, pode ter un efecto perverso: dado que os xestores políticos cuxas actuacións causan declaracións xudiciais de relación laboral indefinida non fixa coa Administración non se lles aplica ningún tipo de sanción, podemos atoparnos con que afloren este tipo de contratacións non laborais de desempregados con intencionalidade clientelar, a pesar do seu carácter oneroso para as contas públicas e do evidente prexuízo para o deseño racional da estrutura da Administración.

En razón deste cambio doutrinal do T. Supremo, desde a CIG consideramos que cómpre demandarlle á Administración que se articule un control sindical sobre o uso desta figura da "contratación non laboral" de persoas desempregadas: departamentos nos que traballan "non laboralmente" persoas desempregadas, tarefas que desenvolven, xustificación da temporalidade, etc. Só así se podería evitar que esta figura se acaba convertindo nun coladoiro para fins espurios ao servizo do Goberno de quenda.

Descargar xurisprudencia do Tribunal Supremo sobre contratación non laboral de persoas desempregadas nas AAPP

Descargar o escrito dirixido pola CIG á Dirección Xeral da Función Pública o 11/03/2014 sobre contratación non laboral de persoas desempregadas