Segunda.- Non foi ate finais do mes de xuño de 2013 cando a Dirección Xeral de Función Pública iniciou os primeiros contactos individuais e de carácter informal coas distintas organizacións sindicais para facer unha primeira toma de contacto.

Terceira.- Pasa todo o ano 2013 e o primeiro trimestre de 2014 sen que se volva a falar da negociación da citada Lei do Emprego Público de Galicia.

Cuarta.- No mes de abril de 2014, con motivo dunha Mesa Xeral de Empregados Públicos, anunciase por parte do Director Xeral o comezo formal das negociacións do citado anteproxecto.

Quinta.- O día 19 de setembro de 2014, e sen que mediase reunión previa, remítese por parte da Dirección Xeral da Función Pública un novo texto do anteproxecto de Lei de Emprego Público, dando un prazo para facer novas alegacións ate o 30 de setembro de 2014.

Sexta.- Dada a substantividade deste futuro texto normativo, a previsión da súa grande vixencia temporal, e a importancia singular de moitos dos preceptos nel contido, así como a súa afectación a todos os empregados públicos de tódolos sectores da Administración Pública galega, con especial incidencia aos da Administración Xeral da Xunta de Galiza, as catro organizacións sindicais formulamos un número importante de alegacións e suxestións, todas elas motivadas e razoadas, e nalgúns casos coincidentes e noutros diverxentes. Alegacións que en ningún momento foron debatidas ou rebatidas pola Administración.

A vista de todo exposto non cabe deducir máis que unha intencionalidade por parte deste goberno de subtraer e evitar unha verdadeira negociación colectiva. E non cabe deducir outra intencionalidade de facer desta preceptiva negociación colectiva un trámite.

Por todo isto, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSI- instamos ao goberno de Galicia, a través desa consellería que se inicie un verdadeiro proceso de negociación do anteproxecto de Lei do Emprego Público de Galicia.

Como xa se mencionou, dada a importante afectación deste texto e singularidade de moitos dos preceptos nel contidos e, así mesmo, dada a súa previsión de longa vixencia temporal, considérase imprescindible e necesario o establecemento de grupos ou comisións de traballo onde, por parte da administración, deberán estar presentes representantes dos sectores afectados.

O contrario constituiría un verdadeiro fraude e engano e amosaría unha clara vontade por parte deste goberno de aprobar unha lei sen existencia de negociación real previa así como o seu intento de que sexa aprobado polo Parlamento de Galicia nun momento temporal determinado por motivacións electorais do partido político que sustenta a este goberno.