Ao día de hoxe esa lista non está dispoñible e só a consellaría de Facenda cumpre parcialmente esta obriga ao recoller as retribucións das 2 persoas do total de 8 que hai neste Gabinete.

Estas tres son só unhas pinceladas do que se pretende con esta nova Lei da Función Pública: blindar a Administración autonómica para os intereses de quenes mandan, pensando nos altos cargos, nos asesores políticos ou nos directivos que traen da empresa privada sen pasar unha oposición. Para a CIG estes son claramente 3 exemplos onde a cidadanía reclama austeridade e cuxos cartos se poderían derivar a prestación directa de servizos públicos esenciais.

Por outra banda, este deseño extremadamente politizado da Administración autonómica, redunda, non só nun gasto innecesario, senón contrario aos intereses xerais do noso país. Hai que ter en conta que a proposta actual non só pon por diante os intereses dos altos cargos senón que lesiona a independencia e profesionalidade das empregadas e empregados públicos galegos. Nesa lei proponse a discrecionalización dos seus dereitos e unha "avaliación do rendemento" subxectiva e non profesional co obxecto de defenestrar a súa carreira administrativa e retribucións se non se someten aos ditados políticos.