O Pleno do Parlamento de Galiza debateu e aprobou o martes 28 de abril a Lei de Emprego Público de Galiza, contando co único apoio do Partido Popular, tras rexeitar 802 emendas da oposición.

Mentres no interior do Pleno se desenvolvía o debate, ás portas, delegados e delegadas da Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Saúde e CIG-Administración), concentrámonos para manifestar, unha vez máis, o noso rotundo rexeitamento a esta lei que está moi lonxe de ser unha auténtica Lei de Emprego Público, porque nin fala de recuperación de servizos públicos, nin fala de recuperación de emprego público.

Lonxe disto, denunciamos que a lei vai afondar nas privatizacións na administración e na desaparición de moitas das regulacións que temos as traballadoras e traballadores. Tampouco recupera de ningunha maneira a parte económica que temos recortada nestes anos.

A CIG denuncia ademais que con esta lei consolídanse as taxas de reposición, e polo tanto seguirán a amortizarse as prazas das traballadoras e traballadores que se xubilen ou abandonen a administración por algún motivo. As ofertas de emprego son cero, co cal o pouco que hai neste momento de administración pública vai ir a menos e parte dese traballo vai ir directamente ás empresas privadas que son quen o van facer.

Por iso as e os concentrados solicitamos, unha vez máis, a retirada da Lei e que, de verdade se faga unha lei de emprego público galego onde se poida encetar unha negociación profunda para que efectivamente se aborden os graves problemas que teñen os servizos públicos e o seu persoal.

{phocagallery view=category|categoryid=22}