Nos artigos 104 en adiante fala do marco de referencia de competencias dixitais e establece o seu alcance: “será de aplicación na definición das competencias dixitais mínimas do persoal empregado público que posibiliten o correcto desenvolvemento do seu posto de traballo nos supostos e cos requisitos que se determinen regulamentariamente, segundo o previsto no seguinte capítulo da presente lei”.

O procedemento para a acreditación das competencias dixitais desenvolverase regulamentariamente, coa indicación do tipo de certificación ou certificacións, alcance, niveis, así como os requisitos para a súa obtención.” Isto significa que ao igual que pasou co CODIX, teremos que volver a facer a cursos ou superar probas (autoformación) para acreditar estas competencias.

Supón o fin do CODIX (Certificación Galega de Competencia Dixitais en Ofimática) que non aparece en toda a lei… 190 horas perdidas facendo os 5 cursos ou probas para conseguir esta acreditación.

Descarga a responsabilidade de formarse nos empregados: “O persoal empregado público das administracións públicas galegas deberá asegurar a súa capacitación dixital para o exercicio das súas funcións que permita o aproveitamento eficiente dos medios dixitais na prestación do servizo público”. Cando ten que ser a Administración a que se preocupe e incentive aos seus traballadores para que se formen.

E cales son as intencións ocultas da administración con esta lei? Art. 110.2: “Para o acceso a determinadas categorías ou postos de traballo poderá establecerse como requisito de acceso a competencia dixital ou aptitudes no ámbito da administración dixital, nos termos adecuados ao posto do que se trate.

Esta lei afecta ao traballo e funcións do persoal das oficinas de rexistro, engadindo novas funcións e responsabilidades nos art. 33, 34, 74, 75.

Tamén regula a sinatura e acreditación do persoal empregado público (art. 68 en adiante), incluíndo como novidade o uso dos certificados electrónicos con pseudónimo para certos colectivos (inspección, etc).

Temos de prazo ata o xoves 11 de outubro para presentar alegacións. Podes contactar coa CIG.