Teremos que seguir soportando que, mentres a nós nos baixan as retribucións, outros vivan moi ben.

Poténciase o número de altos cargos na Xunta (agora teremos secretarios xerais, vicesecretarios xerais, directores xerais, secretarios xerais técnicos, “superdelegados” territoriais...). Mantense o plus vitalicio para os ex altos cargos, cuxo número multiplicarase. Consolídanse figuras como os xefes territoriais (aos que non lle vai afectar demasiado o recorte, coa supernómina de 3000€ máis ao ano). E por último, permítese que o persoal directivo dos novos entes quede exento do control orzamentario e poida cobrar máis que o presidente da Xunta.


Limitarase a carreira administrativa dos empregados públicos por criterios obxectivos.

As xefaturas de servizo regúlanse na LOFAXGA como órganos e non como postos de traballo, o que pode conducir a restituír o criterio de libre designación como forma de provisión habitual. Neste sentido, recentemente puidemos comprobar a resistencia da Administración a ofrecer as xefaturas de servizo no concurso de traslados e a modificar o tipo de cobertura nas RPT.


Desregulamentación dos sistemas de acceso á Administración autonómica, a través da dispersión dos órganos convocantes.

A contratación de persoal queda ao criterio de cada ente convocante, ao igual que a elaboración das súas propias listas de contratación; estabelécese o contrato laboral temporal como forma ordinaria de contratación do persoal.


Limitarase a mobilidade do persoal funcionario.

Como xa aparece no borrador de creación da Axencia Galega de Innovación no seu artigo 17.2, a mobilidade deste persoal estará sometida “á autorización previa nas condicións e prazos que determine o Estatuto da propia Axencia”. Xa que logo, o persoal funcionario que caia na maraña das novas axencias, verá limitados os seus dereitos respecto do resto de persoal que fique na estrutura das consellarías.


Supresión de unidades administrativas.

Os novos entes regulados na LOFAXGA son considerados “medios propios”, de maneira que a Xunta pode desenvolver calquera das súas competencias a través destes, prescindindo de unidades administrativas e de direccións xerais, puidendo baleirar de contido e de persoal consellarías enteiras. De momento, nas disposicións adicionais da LOFAXGA anúnciase a desaparición de organismos como o IGAPE, de varias direccións xerais e dunha secretaría xeral para se convertiren en Axencias. Estas axencias crearánse coa achega de recursos humanos das extintas unidades administrativas. Xa que logo, o persoal laboral e funcionario destas unidades poderán ver as súas condicións de traballo baixo unha nova norma que non tiñan ata o de agora: os estatutos da respectiva Axencia.


Ausencia de órganos de control participados polas traballadoras e traballadores.

Na LOFAXGA non se estabelece ningún órgano de control destes entes no que participen as persoas representantes do persoal laboral e funcionario da Xunta, a pesar de que se regulan materias que afectan directamente aos nosos dereitos como son: a estrutura orgánica da Xunta, os métodos de traballo ou o réxime de persoal


En resumo, esta lei vén a demostrar que  as denuncias da CIG-Autonómica dos útimos meses (privatización dos comedores dos colexios escolares, das residencias de maiores, dos servizos de prevención de incendios...), e mesmo a propia aplicación do recorte salarial representan tan só a punta do iceberg do intento de reducir a Administración Autonómica á mínima expresión. E esta redución da Administración implica tamén redución de dereitos  e postos de traballo públicos.


Defende os teus intereses: infórmate, mobílizate.

Descarga o informe completo

Descarga o Anteproxecto de Lei