Mobilidade forzosa “á carta” do persoal da Administración
No artigo 30 bis establécese a mobilidade forzosa do persoal da Administración, cuns criterios abertamente arbitrarios, "por necesidades do servizo ou funcionais". Deste xeito, o persoal funcionario poderá ser trasladado forzosamente de localidade e incluso a calquera dos tantos entes da administración paralela que se prevén crear nun futuro próximo (as axencias, por exemplo). No texto proposto, para estes traslados, non se garanten nin a identidade de retribucións nin as condicións esenciais de traballo do persoal.

A proposta da Administración son dous sistemas de traslado forzoso: un sistema ordinario, a través de comisión de servizos forzosa por un período de até nove meses, e un sistema extraordinario, a través da modificación na RPT da adscrición do posto de traballo.

As Xefaturas de Servizo serán de libre designación
No artigo 30 reintrodúcese o sistema de libre designación para os postos de nivel 28 (Xefaturas de Servizo), eliminando a forma de provisión por concurso que fora aprobada por unanimidade no parlamento galego na lexislatura anterior. Deste xeito, péchase desde arriba a posibilidade de promoción profesional a través de méritos obxectivables e substitúese pola designación política dos responsables das unidades. Introdúcese ademais neste artigo 30 o concepto indeterminado de "dipoñibilidade horaria" para todos os postos de libre designación.

Por outra banda, recoñécese a integración na Xunta do persoal de libre designación que veña doutras administracións, feito este que permite que o “dedo máxico” cree unha Administración aínda máis politizada.

Desde a CIG-Autonómica rexeitamos calquera reforma que afecta a máis de 21.000 traballadores que se realice sen debate previo. En canto ao fondo do asunto, non podemos quedar parados ante unha proposta que, coa excusa da crise económica, por un lado precariza a figura do empregado público, e polo outro consolida a discrecionalidade política (e non os criterios obxectivos) como ferramenta para dirixir o funcionamento da administración.

Polo noso posto de traballo, polo noso dereito á mobilidade voluntaria: deféndete, mobilízate!