A atención focalizaríase nos contratos que pola súa natureza poidan dar lugar a cesións ilegais de traballadores ou a contratos en fraude de lei, e ao mesmo tempo fixar se o obxecto e natureza do contrato non é determinado na duración da obra e servizo e pode considerarse que é un traballo estrutural a desenvolver con persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza. Así mesmo, este órgano colexiado tería que ser informado de calquera asistencia técnica que se desenvolva en centros dependentes da Administración autonómica.

A CIG presentou esta proposta na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 22 de xullo, co motivo da discusión do Decreto de creación da Axencia de Modernización, volveuno esixir nas alegacións presentadas á Axencia Galega de Innovación e seguirá defendendo este control necesario en todo novo ente que se cree baixo o paraugas desregulamentador da LOFAXGA.