Función Pública informa de que a actualización de méritos estará lista para principios do mes de febreiro.

Solicítase aclaración sobre o Acordo de admitir nas listas pechadas as solicitudes de persoas que superasen algunha proba do último proceso selectivo, aínda que non se publicase o acto de elección de destino do persoal de novo ingreso.

Á vista de múltiples reclamacións relativas á admisión nas listas das persoas que superaran algunha proba do último proceso selectivo, pídese unha aclaración sobre a interpretación do acordo. Ata agora utilizábase o mesmo criterio para a admisión nas listas pechadas regulada no artigo 6 do Decreto 37/2006 que para a baremación regulada no artigo 9. Este criterio impedía que se inscribiran nas listas as persoas con algunha proba superada nun proceso selectivo en curso, debendo esperar para presentar a súa solicitude ao prazo de inscrición posterior á publicación do resultado do acto de elección de destino. Revisando o artigo 6 do Decreto 37/2006 compróbase que a excepción para inscribirse nas listas pechadas refírese "as/os interesadas/os que superasen algunha proba do último proceso selectivo", sen establecer limitación algunha ao momento no que se atope dito proceso. Polo que se adopta por unanimidade o acordo de admitir nas listas pechadas as solicitudes de persoas que superasen algunha proba do último proceso selectivo, aínda que non se publicase o acto de elección de destino do persoal de novo ingreso, sen implicar isto ningunha modificación no criterio seguido para o baremo, xa que o artigo 9 a) do Decreto 37/2006 esixe que se puntúe o proceso selectivo unha vez publicado o resultado do acto de elección de destino. 

Modificación do actual Decreto.

Unha vez máis preguntamos a Función Pública cando nos vai remitir o borrador para negociar a modificación do decreto xa que hai máis de un ano que estamos esperando. A resposta da Presidenta da Comisión foi que aínda que se trata dun tema prioritario na D.X. de Función Pública e que están traballando no texto, non nos poden dar unha data aproximada de cando nos pasarían dito borrador e cando poderían dar comezo as negociacións. Que, en todo caso, nolo comunicarían no seu momento. Dende a CIG consideramos que xa levamos tempo dabondo esperando polo borrador e esiximos un compromiso e unha data de comezo das negociacións por parte de Función Pública.

Guía do Decreto na páxina web da Xunta.

Preguntamos cal é o motivo de que se retirara a guía da páxina web, xa que hai moito tempo que se retirou para revisar algúns erros e non se volveu a subir. Insistimos na importancia de que volva estar activa para a consulta dos/as usuarios/as na maior brevidade posible. Comprométense a correxir os erros atopados e colgala de novo na web

A próxima reunión da Comisión será o venres 22 de febreiro.