No DOG do 28 de febreiro de 2014 ven de saír publicada unha Resolución da Dirección Xeral de Función Pública pola que, de conformidade co artigo 6 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, se acorda o peche de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza e nomeamento de persoal interino correspondente a determinados grupos, categorías, corpos e escalas.

O artigo 6 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, establece que en calquera momento en que a Administración considere que unha determinada lista está saturada porque non se produzan contratacións ou nomeamentos, ou ben por que haxa un excesivo número de inscritas/os, poderá determinar o peche da incorporación de novas solicitudes ata a resolución dun novo proceso selectivo para ese grupo, categoría, corpo e escala, coa excepción das/os interesadas/os que superasen algunha proba do último proceso selectivo ou teñan prestado servizos na Xunta de Galicia para a lista correspondente a esa categoría, corpo, escala ou especialidade.

Contra esta resolución, as/os interesadas/os poderán interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Facenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.