A proposta da Administración vulnera o V Convenio Colectivo, pois o artigo 7º de dita norma pactada entre sindicatos e administración establece que se non existen listas para unha categoría, solicitarase un mínimo de tres persoas nun chamamento xenérico do Servizo Público de Emprego. Ante esta contradición co Convenio, a CIG reclamou que o asunto debe ser tratado entre Administración e Comité Intercentros.

Entendemos que estamos ante unha situación que se pode e se debe prever e, xa que logo, calquera medida que se tome por urxencia debe ser extraordinaria, limitada ao momento no que estamos.

Indicativo da falta de previsión é o feito de que os cadros de vacacións de cada centro deben estar feitos antes do día 30 de abril e, xa que logo, debería existir unha previsión de datas nas que sería necesaria a contratación temporal con antelación suficiente.

Pero debemos tomar medidas de cara ao futuro para que non se repitan. A tal fin, a Comisión de Listas acordou:

  • Antes de que se esgoten as listas, ou en previsión de que se poidan esgotar, facer os chamamentos ao INEM do seguinte xeito: Sen agardar a que se esgoten as listas, cando se prevea que poden chegar a esgotarse en épocas como o verán ou Nadal, ter preparados previamente os chamamentos ao Inem de maneira que no momento que se precise facer unha substitución xa estea a selección feita.
  • Faríase unha lista de selección no INEM cunha vixencia determinada e que só se utilizaría cando se esgotase a lista da Xunta.

Pola nosa parte, faremos consulta coa nosa asesoría xurídica.