Non está previsto, xa que logo,  que se poida recorrer a este tipo de contratos para actividades propias de persoal funcionario. Porén, hai persoal laboral da Xunta que realiza estas actividades como persoal laboral fixo e listas de substitucións do decreto 37/2010 que contemplan estas categorías (mantemento, enquisador, etc.).

En calquera caso, V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta, asinado pola CIG e UGT, no seu artigo 7.5.b.1, mantén a prohibición expresa de que a Xunta contrate a través de ETT. Xa que o borrador deste Real decreto estabelece o recurso ás ETT con carácter potestativo, desde a CIG non imos permitir que a Xunta rompa o pactado en Convenio.

Por outro lado, desde a CIG non admitiremos que o traballo a través de ETT poida constituír un mérito para o acceso a postos de traballo na Administración de carácter temporal a través das listas de substitucións.

Outra consecuencia de enorme gravidade que desde a CIG consideramos con preocupación vai ser a previsible escalada de demandas por cesión ilegal de traballadores contratados a través das ETT, que como é sabido rematarán en sentenzas de indefinición laboral, coa conseguinte desnaturalización do sistema de acceso á Función Pública.

A pesar des que no proxecto de Real decreto a entrada de  ETT está limitada a uns casos concretos, cómpre ter en conta así mesmo a  posibilidade de ampliar estes supostos nos vindeiros anos. Até o de agora, as actividades nas que a Administración Pública tiña permitida a contratación a través de ETT cinguíanse unicamente á realización de enquisas, á toma de mostraxes e a servizos de carácter estatístico.

Máis recortes na Administración

Ao mesmo tempo que se traslada o proxecto de Real decreto aos sindicatos,   Administración vén de pór formalmente en marcha o Observatorio do Emprego Público. Un organismo creado para estudar as condicións do persoal da administración e avaliar as necesidades humanas da mesma.

Desde a CIG cuestionamos a creación deste Observatorio ao mesmo tempo que se abre camiño á entrada  das ETT na Administración, e precisamente nun momento no que se teñen producido importantes recortes nas diferentes administracións públicas, tanto a nivel de rebaixas salariais como a través da taxa de reposición de efectivos, actualmente fixada no 10% (é dicir de cada 100 funcionarios/as que se xubilen ou causen baixa só serán reemprazados 10), da prohibición de xeito expreso da cobertura de baixas, da conxelación da oferta de emprego público, e da privatización a pasos axigantados de múltiples servizos.

O obxectivo de todas estas medidas é desvalorizar os servizos públicos e instalar na cidadanía a idea de que funcionan mellor cando se privatizan. E con este horizonte estanse reducindo prestacións e convertendo en deficitarios os servizos públicos esenciais. Paradoxalmente, coa entrada das ETT estase a facilitar o lucro ás grandes empresas privadas a través da xestión de servizos públicos.

Desde a CIG-Autonómica, demandámoslle ao Goberno galego que actúe con responsabilidade e que non dea entrada ás ETT na Xunta, respectándose  a prohibición destas no ámbito da Administración autonómica, tal e como se recolle no V Convenio Colectivo Único asinado pola CIG e UGT.


Premer aquí para descargar o proxecto do Real decreto regulador das ETTs na Administración Pública