O punto único da Orde do Día será a sua resposta á demostración cívica do domingo 17 de maio: Anteproxecto de Lei de reforma da Lei da Función Pública, polo que eliminan a mínima demostración de capacitación dos empregados públicos para atenderen en lingua galega aos cidadáns. Quere o PP retirar a obrigatoriedade, mínima, de que os empregados/as públicos demostren que entenden un test en galego. Non vamos cara o vello artigo 33 da Lei Fraga, senon ao programa da extrema dereita fascista española-COPE. Un bo comezo do novo Director Xeral de Política Lingüística, contrario á carta europea das linguas minorizadas.

Documentos para a Mesa.

Preguntamonos porque o PP, na primeira Mesa Xeral que convoca, non negocia cousas como permisos, horario, carreira profesional, procesos selectivos..., e en troques disto, traen o tema estrela: a eliminación da única proba que serve para avaliar a capacitación dun funcionario cando teña que atender a un cidadán en galego. 

A vixente Lei da Función Pública foi reformada polo Parlamento Galego no ano 2007. Na lei actual, a que quere mudar o PP inclúese a dia de hoxe o seguinte:


"Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego na Administración pública de Galicia e para garantir o dereito das administradas e dos administrados ao uso da lingua propia de Galicia nas relacións coa Administración pública no ámbito da comunidade autónoma, e en cumprimento da obriga de promover o uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia que determina o artigo 6.3º da Lei de normalización lingüística, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e nas entidades locais de Galicia, terase que demostrar o coñecemento da lingua galega.

Para estes efectos, as bases das convocatorias establecerán que unha ou máis das probas do proceso selectivo se deberán realizar exclusivamente en lingua galega, e iso sen prexuízo doutras probas adicionais, que se puidesen prever, para aqueles postos de traballo que requiran un especial coñecemento da lingua galega."


 Entendería alguén que a un licenciado/a en dereito se lle exima de examinarse da lexislación para un emprego público?; total xa ten o título de dereito e, xa que logo, queda acreditado que coñece as leis. Pois ben, até a a referida reforma os candidatos e candidatas a ocupar un emprego público estaban exentos de calquer contacto coa nosa lingua se aportaban un certificado de que no seu dia estudaron ou fixeron un curso de galego.

Insistentemente, negociación tras negociación, a CIG denunciaba que con aquel sistema era ben doado que a administración galega se dotase de persoal sen o mais mínimo coñecemento da nosa lingua para poder respetar os dereitos dos e das cidadás.

O que plantexa o PP é substituir o anterior por estoutro:

 

 

"A Administración garantirá os dereitos constitucionais e lingüísticos dos cidadáns galegos, tanto respecto do galego como lingua propia de Galicia, como do castelán, lingua oficial de Galicia.

Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego na Administración pública de Galicia e para garantir o dereito das administradas e dos administrados ao uso do galego nas relacións coa Administración pública no ámbito da comunidade autónoma, e a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, que determina o artigo 6.3 da Lei de normalización lingüística, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e nas entidades locais de Galicia, incluirase un exame en galego, agás para aqueles que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme á normativa vixente , e sen prexuízo daquelas probas que teñan que realizarse en galego para aquelas prazas que requiran un especial coñecemento da lingua galega."

 

Volvemos ao "titulo de galego" para estar exento de calquer contacto coa lingua.

Pero a maior mofa da proposta do PP está na exposición de motivos do texto que presenta: co maior dos cinismos posibeis fai un alegato á defensa da oficialidade dos dous idiomas, a garantir o uso normal de galego e castelán, a que os poderes públicos adoptarán medidas para que ninguén sexa discriminado por razón da lingua, á libre eleición dos cidadáns, á defensa dos dereitos dos administrados, ...

E dicimos cinismo porque os responsabeis políticos da administración galega queren enganar aos cidadáns e cidadás metendo no mesmo sacos a empregados públicos e cidadáns. NON, os dereitos non son os mesmos. É o cidadán o que ten o dereito cando se relaciona coa administración, e o empregado público os deberes. É este último o que ten que respetar a libre eleición do cidadán e, xa que logo, ten que estar totalmente capacitado para garantilo.

Para a selección dos empregados e empregadas públicos, temos os principios de mérito e capacidade, e entende o PP que o título de galego acredita o mérito do coñecemento do idioma. Pero novamente con cinismo esquece que algúns procesos selectivos teñen exclusivamente fase de oposición (capacidade), e so algúns teñen fase de concurso (mérito). So para estes últimos (procesos mediante concurso-oposición), o titulo de galego aporta unha pequena diferenza á hora da obtención dun emprego público.

Anxo Lorenzo, Director Xeral de Política Lingüística, levas poucas horas no cargo e, se tes algo de orguio propio ou de respeto pola lingua dos teus devanceiros, xa tes un motivo para dimitir.