Lembramos que no caso da administración do Estado xa se repuxo o dereito das pagas extra e o seu persoal xa está a cobrar as extras completas. Porén, a Xunta segue a manter o recorte dun 40% das extras e continúan suprimidos outros dereitos que deben tamén ser recuperados de inmediato.

Están ademais pendentes de execución multitude de sentenzas que obrigan a pagar a extra do 2012 no caso da administración do Estado, e de 2012, 2013 e 2014 no caso da Xunta de Galiza. Por iso considereamos urxente que a Mesa Xeral da Función Pública de Galiza vaia traballando ao mesmo ritmo que se van elaborando os Orzamentos de 2015.

Con esta mobilización conxunta as organizacións sindicais con representación nas mesas reclaman ademais que as negociacións se encamiñen a conseguir maior emprego estable, recuperar o poder adquisitivo e a mellora das condicións laborais que redunden nuns Servizos Públicos de maior calidade.

Xunto a isto lembrámoslle ao Goberno que a súa política de feitos consumados vulnera o dereito á negociación Colectiva –así recoñecido pola propia OIT- así como o intento de darlle continuidade ás súas políticas de recortes a través da CORA, a Actualización do Plan de Estabilidade (2014-2017), o chamado Plan Nacional de Reformas e as modificacións puntuais do EBEP.