- Cadrantes anuais de traballo. Obrigatoriedade de confeccionar cadrantes de traballo cara o exercizo 2010, incluíndo libranzas, compensacións de domingos e festivos traballados, períodos vacacionais, quendas de traballo. Está recollido no convenio que os cadros de servizos negociaránse cos comités de empresa, así como que se teñen que entregar os cadros de servizo cos dous niveis de risco, alto e baixo, para saber que turnos teñen as/os traballadoras/es independentemente do risco de incendios que exista.

- Época de alto risco. Funcións de vixiancia e extinción. Démoslle contas dos erros que se produxeron no verán en canto as labores a realizar. O convenio recolle labores de vixilancia e extinción.

- Gardas localizábeis. Solicitamos unha previsión de cara a súa distribución no período no que o persoal fixo discontinuo non está traballando. Esto sucede na 2º quincena de novembro, decembro, xaneiro e 1ª quincena de febreiro. As compensacións, según se recolle no convenio, 150 € por mes. En ningún apartado do convenio dí que as gardas se pagarán a 30 €, tal e como se fixo coas derradeiras. Temos sentenza que nos veñen a dar a razón.

- Permisos e licenzas. Está a acontecer que os permisos e licenzas son denegados de palabra unha vez que o traballador presenta a solicitude. O convenio é moi claro neste senso, ten que haber unha motivación e por escrito. Do mesmo xeito, as/os traballadoras/es deberán solicitar os permisos e licenzas en tempo e forma, non é válido darlle a solicitude ao axente, operador codificador ou emisorista, e sempre terán que quedarse con unha copia selada. Dado que nos distritos forestais non ai rexistros, a persoa que se encarga de recoller a solicitude deberá asinar o recibí.

- Reclasificación ao grupo IV das categorias peón conductor e emisorista. Está recollido no convenio o estudo para a reclasificación destas dúas categorias. Solicitamos información.

- Cambio denominación das categorias á de bombeiro forestal. Establece o convenio o cambio para bombeiro forestal nas categorias peón, peón conductor, xefe/a brigada, conductor motobomba e vixiante móbil.

- Creazón de brigadas helitransportadas. Solicitamos a creazón de máis brigadas helitransportadas.

- Nocturnidade. Aínda que está pendente do recurso no Tribunal Supremo presentado pola Xunta de Galiza, preguntamos polo complemento salarial recollido no artigo 26º do convenio de aplicación as/os traballadoras/es dos SPDCIF.

- Formación e seguridade. No que vai de ano non se impartíu ningún curso. No Pladiga 2009 constan unha serie de cursos, tanto para persoal laboral coma funcionario. Preguntamos polo plan de avaliación de riscos específico.

- Plan específico de mellora das instalacións. Precisamos saber que pasa con este plan. Atopámonos cáseque coa totalidade dos distritos forestais onde fai falla mellora ou creazón das instalacións, chamados agora puntos de encontro.

- Contratacións temporais e substitucións polo Decreto 37/2006, do 2 de Marzo. Existen moitas baixas sen cubrir. Solicitamos axilidade na cobertura das baixas, liberacións, vacantes.

- Ampliación do alto risco de incendios forestais. Podemos entender na necesidade da ampliación do alto risco. Rexeitamos o feito de non facernos chegar unha comunicación previa, advertindo da posibilidade da citada ampliación.

- Funcións de apoio ás/ós emisoristas. Estamos acostumados a ver casos dun/ha vixiante fixo facendo o traballo de emisorista. O apoio ao emisorista é unha cousa e o sustituir é outra ben distinta, non recollida no convenio, o que conlevaría demandas perante o xulgado. Solicitamos de Medio Rural explicación a esto.

Por parte de Medio Rural fixeron varias apreciacións:

1º. Cadrantes de traballo. Están mirando o xeito de confeccionar os cadros de servizo de forma que non incumpra o convenio.

2º. Teñen unhas 40 baixas sen cubrir. Non poden tér cuadrillas con 2 ou 3 persoas.

3º. O número de traballadores/as ascende aproximadamente a 1.400. É un número insuficiente de persoal dada as condicións atmosféricas coas que nos atopamos.

4º. Época de alto risco de incendios forestais. Traballos de prevención. Non se entende como un traballador forestal non pode facer prevención nesta época.

5º. Bombeiro forestal. Non comparten a idea. Un bombeiro forestal está únicamente para extinción.

6º. Entenden que o vixiante fixo e o emisorista teñen funcións moi parecidas, polo tanto cren que apoio, neste caso, é o mesmo que sustituir, xa que este foi o esgrimido noutros tempos para que estas prazas fosen creadas tanto fixas como discontinuas.

7º. En canto a nocturnidade, dín que están vendo as diferentes posibilidades, dado que non é un tema que dependa só da Conselleria do Medio Rural.

8º. En dúas semanas presentarán unha proposta, non saíndose do convenio.

Visto o acontecido na xuntanza, danos a sensación que somos as traballadoras e os traballadores as/os culpábeis da situación na que se atopa os SPDCIF. É moi sinxelo darlle solución a esto, cubrir tódalas prazas vacantes, ampliación de plantilla, cadrantes de traballo dacordo co estipulado no convenio, traballos de prevención e extinción en aplicación do convenio, bombeiro forestal realizando traballos de prevención e extinción. Moito desto resúmese en, organización do traballo nos distritos forestais. Persoas como xefe de distrito, técnico, axente territorial, axente zonal, axente deberán establecer uns criterios a hora dos traballos a desenrolar polas cuadrillas. Si esto estivese feito, outro galo nos cantaría. Un SPDCIF non se pode permitir o luxo de estar no mes de Xullo ou Agosto a limpar tanques de auga con un metro de lodo.