O mércores 4 de marzo de 2015 tivo lugar unha Comisión de Persoal na que se aprobou, co voto en contra de todas as organizacións sindicais, a Oferta de Emprego Público 2015.

  • Convocarán 265 prazas pola quenda libre, das que 19 irán pola quenda de discapacitados/as, das que 6 destas prazas irán pola quenda de discapacitados/as intelectuais.
  • 108 prazas de promoción interna separada, das que 8 prazas serán para discapacitados/as.
  • Os datos pormenorizados e con números de prazas desta OPE 2015 non os teremos ata que se aprobe previsiblemente no Consello da Xunta do xoves 5 de marzo (todo un exemplo do que entenden os dirixentes da Administración do que debe ser unha negociación).
  • Serán prazas de loita contra o fraude fiscal, asesoría xurídica, persoal de informática, gardacostas, profesores numerarios das escolas marítimo-pesqueiras, veterinarios, subinspeción urbanística, xestión e control da asignación eficiente de recursos públicos e algunhas prazas de persoal laboral de servizos sociais.
  • Algunhas das prazas as que fan referencia nos criterios xerais (unha de veterinario, tres de profesores numerarios das escolas marítimo pesqueiras e 7 da escala de químicos) teñen antigüidade anterior ao 1 de xaneiro de 2005 e están afectadas polo proceso extraordinario de consolidación.

Á CIG non lle parece serio que se nos solicite o voto sobre a que será a Oferta de Emprego do 2015 e nen sequera saibamos cales van ser as prazas a ofertar e outras informacións necesarias. A CIG, o mesmo que os demais sindicatos, votamos en contra.

En rogos e preguntas, o director de Función Pública informou da contratación de 56 prazas de técnicos/as da Consellería de Traballo, que se van repartir do seguinte xeito: 15 na Coruña, 11 en Lugo, 10 en Ourense e 20 en Pontevedra. Estas prazas son para todo o ano 2015, chamarán das listas do A2 e van manter o das titulacións específicas como fixeron nos anteriores chamamentos de 2011 e 2013. As titulacións específicas son Educador Social, Traballo Social, Relacións Laborais e RR.HH, Relacións Laborais e Graduado Social. Os chamamentos farannos sobre mediados de marzo.

Ao vindeiro Consello da Xunta (xoves 12 de marzo) irán os criterios do Fondo de Acción Social nos mesmos termos que os do ano pasado.

Para botar foguetes.