Presenza sindical no CIXTEC: denuncia a CIG que aos traballadores do CIXTEC se lles está a negar a presenza de representantes sindicais nas xuntanzas coa dirección, motivo polo que acudimos á inspección de traballo que nos deu a razón. Resposta o DXFP que agardan pola notificación para falar co CIXTEC.

Temarios EGAP: a CIG sinala que se comprometeran a que a EGAP editaría temarios “orientativos” nos procesos selectivos. Pedimos información ao respecto. Non hai resposta.

Sobretasa en procesos selectivos: denuncia a CIG que o banco lle cobrou 0,60 euros de sobretasa a unha persoa que se matriculou para as oposicions. Demandamos intervención de FP. Comprométese o DXFP a investigar esta denuncia.

Comisión de seguimento do acordo de veterinarios: lembra a CIG que fai dous meses, na Mesa Xeral, reclamamos a convocatoria da comisión de seguimento do acordo de veterinarios. Comprométese o DXFP a convocar en setembro.

Instrucións vacacións-permisos-licenzas para funcionarios/as que prestan servizos en instituciónsn sanitarias: falamos destas instrucións na mesma sesión da Mesa Xeral. Pero denuncia a CIG que a regulación vixente exclue ao persoal que presta servizo en institucións sanitarias, a quenes remite a súa normativa específica. Porén, non existe normativa específica, tendo que remitirnos ao “acordo de concertación social do ano 2001”, acordo negociado no ámbito da mesa sectorial de persoal estatutario e por tanto non negociado cos lexítimos representantes dos traballadores e traballadoras aos que se está a aplicar dita normativa. Quedamos en ter unha conversa outro día co subdirector de Sanidade presente na Mesa Xeral.