Peche de rexistros en sábado, e especialmente por coincidir o 24 e 31 de decembro en sábado: a CIG enviou dous escritos (o último fai un par de semanas). Coa norma actual que fai que os sábados xa non sexan hábiles non ten sentido que abramos os rexistros eses días; outras administracións xa o fixeron. Solicitamos que se pechen as oficinas o 24 e 31 este ano e sentarnos a falar do resto de sábados. Resposta o Director Xeral de Función Pública que é criterio deles manter abertas as oficinas, pero falarán con vicepresidencia por se houbese cambio de criterio.

Oficina Agraria Comarcal de Lalín: a CIG denuncia que está ubicada nun local en malas condicións, non cumpre moitos requisitos mínimos para ser un centro de traballo, moito menos para traballar con mostras recollidas nas explotacións gandeiras que son almacenadas na oficina, trátase dun primeiro andar sen ascensor con imposibilidade de acceso a persoas con limitacións físicas. Espazos insuficientes, altura dos teitos mínima, instalacións anticuadas, etc. Enviouselle escrito á conselleira de Medio Rural por parte dos traballadores, pola Xunta de Persoal , etc para ter unha entrevista e non se respostou, o que obrigou a enviala a Valedora do Pobo. Queremos, ter unha entrevista coa Conselleira ou co Secretario Xeral, e dado que o contrato de aluguer do local esta próximo a rematar, que se nos indique que tramites esta facendo a consellaría para solucionar este asunto e atopar unhas instalacións dignas e adecuadas. O Director de Función Pública comprométese a trasladar o problema a Medio Rural.

Bombeiros forestais e segunda actividade: a CIG lembra que o acordo asinámolo fai case tres meses. Nel di que no prazo dun mes negociariamos o procedemento para a segunda actividade. Cando nos van convocar para desenvolver o acordo de bombeiros forestais e segunda actividade? Informa o Director que Medio Rural está a traballar xa na segunda actividade. Comprométese a tratalo inmediatamente.

24 e 31 en politica social: a CIG interpuxo conflito colectivo pola negación deses días ao persoal que presta servizo nos centros de Política Social. O Director de Función Pública comprométese a falar do tema.