Mesas de negociación

Por primeira vez na historia, as retribucións dos empregados e empregadas públicas da Administración Autonómica van quedar vinculadas á evolución do Produto Interior Bruto (PIB).

Vai ser nos anos 2019 e 2020, consecuencia do “Acordo de concertación social de emprego público de Galiza” apoiado o 27/12/2018 por CCOO e UGT, acordo que en materia retributiva reproduce o pacto acadado en Madrid entre o goberno de Rajoy e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF.

É curioso contrastar como quenes vinculan os nosos salarios á evolución do PIB, rexeitan esta medida nas pensión: os secretarios xerais de CCOO e UGT reclamaban nos anos 2017 e 2018 que a suba das pensións volveran a quedar vinculadas á inflación. Rexeitaban así a decisión do goberno de Rajoy de vincular a revalorización das pensións á evolución do PIB e que deu lugar a unha onda de protestas.

Despois dunha década de conxelación salarial, de recortes, en definitiva despois dunha década de perda de poder adquisitivo, isto foi o que pactaron para os anos 2019 e 2020:

Ano 2019

  • Incremento fixo do 2,25%.
  • Incremento variable do 0,25% adicional sempre que o PIB sexa igual ou superior ao 2,5%. A previsión actual tanto do Goberno do Estado como do Banco de España é que no 2019 o PIB será do 2,2%. De cobrar algo, sería a partir do 1 de xullo (seis meses, sen carácter retroactivo).
  • Un fondo adicional do 0,25%, a negociar o seu destino.

Ano 2020

  • Incremento fixo do 2%.
  • Incremento variable do 1% adicional sempre que o PIB sexa igual ou superior ao 2,5%. A previsión actual do Goberno de España é do 2%, e a do Banco de España do 1,9%, moi lonxe do 2,5% do Acordo. De cobrar algo, sería a partir do 1 de xullo (seis meses, sen carácter retroactivo).
  • Un fondo adicional do 0,30%, a negociar o seu destino.

En canto aos fondos adicionais, o seu destino está por negociar. Poderá destinarse á carreira profesional, pero tamén a produtividade de colectivos concretos, ou a revisión dalgúns complementos específicos, .. Inclusive falan de fondos de pensións. En definitiva, que pode ser que moita xente non cheire nada deste fondo.

As retribucións do ano 2018 tamén aparecen no Acordo. Fano por lucir un pouco a cousa, pois non ten sentido falar das retribucións dun ano xa vencido nun acordo votado a 27 de decembro de 2018 e aprobado polo Consello da Xunta xa no 2019 sen que haxa nin unha soa medida retroactiva pendente de aplicación para o 2018.

Tamén aparecen referencias ao ano 2021, condicionando un incremento adicional do 0,55% de cumprirse o obxectivo de estabilidade orzamentaria (déficit público) do ano 2020.

Igual que para as pensións, a CIG rexeita vincular as nosas retribucións á evolución do PIB. Queremos que os salarios estean vinculados ao IPC real, cunha cláusula de revisión salarial que compense as desviacións que se produzan do ICP real respecto do IPC previsto. E defendemos un acordo plurianual para recuperar os salarios roubados (estamos dispostos, inclusive, a pactar “cómodos prazos”).