Criticamos tamén que a Xunta tratara de influír na negociación fixando as datas nos últimos días de xullo e primeiros de agosto nunha clara intención de que ao persoal, que maioritariamente ten que desfrutar das súas vacacións nestes meses, non lle chegara a información. A pesar diso, as catro organizacións recibimos un dos maiores número de alegacións que lembramos nunha clara mostra de que o persoal está farto da falla de respecto da Xunta de Galiza e nunha demostración de rexeitamento unánime da proposta da Administración. Non pode ser que despois de 5 anos sen promoción interna se propoña unha convocatoria destas características.

CIG, CCOO, UGT e CSIF esiximos a retirada destas bases e avisamos que non nos sentaremos a negociar coa Xunta de Galiza mentres isto non se produza. Anunciamos que estamos a preparar asembleas conxuntas no mes de setembro para facilitar a participación de todo o persoal que se atopa de descanso e, no caso de que a Administración non cambie o seu parecer, tomar as decisións necesarias que desemboquen nunha mobilización masiva contra este novo atropelo ao que nos quere someter a Xunta de Galiza.