Temos constancia, confirmada polo propio Director Xeral de Función Pública, que AGRUPA, presentou oficialmente alegacións á normativa en materia de función pública (Lei de Emprego Público de Galicia), e de xeito oficioso agora aos proceso de promoción interna así como aos de acceso libre. Parece que a súa “axuda” está sendo inestimable para que Función Pública blinde os postos de xefatura de servizo, agora provistos polo novo sistema de “concurso específico”, unha LD encuberta, e demais postos directivos. A estas alturas xa non hai dúbidas da existencia de intereses políticos para que no proceso de Promoción Interna queden vacantes moitas prazas, sobre todo as dos subgrupos A1 e A2, para dificultar ou limitar o acceso do persoal en igualdade de condicións. O obxectivo é reducir considerablemente os potenciais candidatos para as xefaturas de servizo, subdireccións xerais e postos de persoal directivo.

Para poder deixar desertas estas prazas, Función Pública, ao marxe dos sindicatos, optou por aumentar os exercicios de corrección subxectiva e por fixar temarios moi abertos, en contraposición cos anteriores modelos nos que os aspirantes se examinaban sobre disposicións normativas concretas.

Así pois, xuntáronse, o interese corporativo dunha asociación profesional para evitar a competencia nestes postos de máxima responsabilidade, co interese político da Xunta de deixar “colocada” a súa xente de confianza en postos determinantes. Estes postos, ademais, son os máis favorecidos pola nova lei de Emprego Público, que dificulta o seu cesamento ao implantar a figura do persoal directivo, e polo novo sistema de provisión arbitrario designado como concurso específico.

Politizar e controlar á Administración

Con esta blindaxe, nun eventual cambio de cor no Goberno da Xunta, o actual Goberno tería a posibilidade de seguir controlando desde fóra a Administración a través desta Asociación, á que lle tería moito que agradecer na redacción das convocatorias de procesos selectivos, concursos e normativa en materia de emprego público.

Ante esta denuncia presentada polas OO.SS, a resposta do Director Xeral de Función Pública na Comisión de Persoal celebrada, o día 16 de xuño, foi ameazar con emprender accións legais pola vía penal. Independentemente destas ameazas, os sindicatos manterémonos firmes na defensa dos dereitos e intereses do conxunto dos empregados públicos, así como na denuncia pública, da falta de negociación e das prácticas espurias que perseguen so o beneficio duns poucos, en prexuízo dos intereses xerais dos empregados da Xunta de Galicia, como é a promoción profesional.

Por todo isto, solicitamos que o conselleiro de Facenda asuma a súa responsabilidade política sobre como está xestionando o seu director xeral os asuntos da Función Pública e sobre as ameazas que lle fixo a estas organizacións sindicais por defender o dereito legal da negociación colectiva. Isto non é máis que a punta do iceberg de como se elaboran na Xunta as normas que afectan ás empregadas e empregados públicos, onde previamente son cociñadas con diversos “lobbies”, de dentro ou fóra da Xunta, para logo interpretar unha obra de teatro coa representación legal do persoal e salvar así o requisito legal de ter "negociado".