Os sindicatos CIG, CCOO, UGT e CSIF diriximos escrito á EGAP o xoves 28 de xaneiro para que rematen e poñan a disposición de inmediato os temarios actualizados para os procesos selectivos de corpos xerais.

As estimacións de Función Pública para a realización dos primeiros exames correspondentes aos procesos selectivos pendentes de corpos xerais, tanto de acceso libre como de promoción interna, sitúase entre os meses de maio e xullo.

Do compromiso adquirido pola EGAP para a elaboración dos temarios que rexerán os distintos procesos, as organizacións sindicais entendemos que tanto a elaboración dos temarios como a actualización dos xa elaborados son de vital importancia para o conxunto de persoas interesadas en participar en ditos procesos selectivos.

Tendo en conta que estamos a tres meses do posíbel inicio dos primeiros exames, demandamos que por parte da EGAP rematen inmediatamente os traballos de elaboración e actualización dos temarios e se poñan a dispor do persoal interesado.