O que vos imos contar é simplemente un exemplo de como están os procesos selectivos na Xunta. Si, hai moitos máis exemplos, nos que mesturamos tomas de posesión tras anos desde a Oferta de emprego, cambios de temarios, adiamento de datas, cachondeos nas probas, ou sentenzas no tribunal sumpremo falando de arbitrariedade ou falta de limpeza.

Pero desta volta queremos fixarnos nos seguintes casos porque veñen de remitirnos unha "petición de representantes" para os actos de toma de posesión en destinos definitivos tanto de Arquivos A1 como de Enxeñeiros/as Técnicos/as de Minas, A2 (ver ligazóns a postos ofertados). Estes actos terán lugar o 22 de abril no salón pequeno de San Caetano ás 10:00h e 10:15h respectivamente.

O curioso do asunto, o vergonzante en última instancia, é que estas tomas de posesión derivan dunha Oferta de Emprego Público de 2011, ou sexa, 5 anos despois de publicarse a oferta, vanse cubrir os postos. Unha Administración ten unha necesidade de persoal pero non a cubre ata 5 anos despois... e logo falan de eficiencia, mimadriña!. A clave é que o proceso non se convocou ata o 2014, ou sexa, 3 anos despois da oferta pública. E precisamente son 3 os anos que di o EBEP nos que deberá executarse de xeito improrrogable as ofertas públicas de emprego.

Problema: que as sentenzas dos tribunais poñen por riba deste precepto do EBEP a potestade autorganizativa da Administración e as leis de orzamentos e as limitacións xenéricas das dispoñibilidades orzamentarias. En calquera caso, no 2011 xa estabamos en plena orxía de recortes, así que se ofertaron é porque podían, porque tiñan os cartos e porque o necesitaban, xa que logo deberían cubrilas, senón para que ofertan!? Para sacar un titular nos medios!?

Destacamos por úlitmo que a Oferta de Emprego Público da Administración Xeral do Estado para 2016 establece unhas novidades encamiñadas a axilizar a execución dos procesos. En calquera caso, a Administración Xeral do Estado está xa a anos luz de nós en canto ao que previsión e axilidade dos procesos se refire e nos cremos que é unha cuestión que vén de vello e que aquí non teñen vontade nin intención de mellorar, que prefiren a discrecionalidade e mover as oposicións a ritmo de samba política.

Establece como novidade a oferta de emprego público do Estado español que as convocatorias incluirán unha previsión sobre a duración máxima de, polo menos, a fase de oposición do proceso selectivo, incluíndo que a celebración do primeiro exercicio da citada fase, terá que celebrarse nun prazo máximo de catro meses contados a partir da publicación da convocatoria no «Boletín Oficial do Estado». Igualiño que na Xunta, non credes?