Con esta alteración do convenio colectivo as prazas de promoción interna que non se cubran, ELIMÍNANSE, de xeito que si o Tribunal dun proceso selectivo aproba a menos persoas candidatas que prazas na quenda de promoción interna, estas desaparecen sen acumularse á quenda libre, en contra do pactado entre os sindicatos asinantes do convenio colectivo e a Xunta de Galiza.

A CIG denuncia que o citado acordo que altera o convenio colectivo non foi obxecto de negociación polo Comité Intercentros, que é o órgano competente para a negociación do convenio (art. 46.6.a do V convenio).

Asemade, non se constituíu comisión negociadora (art. 89.1 Estatuto dos Traballadores) nin foi presentado para rexistro perante a autoridade laboral (art. 90.2 ET) nin foi obxecto de publicación oficial (art. 90.3 ET) no “Diario Oficial de Galicia”, como se ten feito en ocasións anteriores nas que se modificou o convenio.

Coa sinatura deste acordo estase tamén a inflar a oferta de emprego público de 2016 coa incorporación de prazas ofertadas en anos anteriores e que non foron convocadas en tempo.

CC.OO, CSIF e UGT permiten con este acordo que non haxa unha promoción interna real e efectiva naqueles grupos e categorías cunha maior demanda como son os grupos I e II.

Ao tempo, coa súa vergoñenta sumisión, permiten que nunha categoría xa convocada como é a de ORDENANZA non exista promoción interna, é dicir, toda aquela persoa que tiña aspiracións a promocionar dentro do grupo V para a categoría de ORDENANZA, pola incompetencia e complicidade destes sindicatos coa Administración, non o vai poder facer.

Grazas á colaboración destes “sindicatos” co goberno do Partido Popular, NON SE GARANTE EN NINGÚN MOMENTO A CONVOCATORIA DA OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO 2016, tal e como aconteceu coa OPE 2015 que non se convocou.

A demagoxia e a manipulación é entendible no goberno do PP porque forma parte do seu ADN, mais o realmente lamentábel é que aqueles que se chaman a si mesmos sindicatos, participen dese xogo.

DENDE A CIG ESIXIMOS QUE SE CONVOQUEN O 100% DAS PRAZAS VACANTES, QUE SE RESPECTE O CONVENIO COLECTIVO, QUE SE FAGA UNHA PROMOCIÓN INTERNA REAL, E QUE AS PRAZAS NON CUBERTAS POR ESA QUENDA SE ACUMULEN Á OFERTA LIBRE.