Cumprir os prazos é fundamental pois non facelo xera inseguridade xurídica nos opositores e fai que esta incapacidade da Administración galega obrigue a suplir a súa falta de planificación cos meses e anos da vida persoal e familiar dos opositores porque nunca saben cando van ser os exames con precisión.

En canto ao atraso específico do segundo exercicio do C2 chéganos a información de que está relacionado coa vindeira adquisición de 450 equipos informáticos por parte do AMTEGA. A escusa resulta novidosa pois ata agora afirmaban que era cuestión das vacacións do tribunal. En todo caso, resulta incrible a pouca planificación de convocar un proceso sen prever e ter o equipamento necesario. Por non falar de que pasou cos equipos que viñan utilizando na última convocatoria ou na proba informática do C2 de promoción interna.

Desde a CIG non cremos que a solución global pase por puntuais chamadas de atención aos distintos tribunais que se exceden dos prazos, que é a tónica xeral. Primeiro habería que pór prazos globais máximos e dotar dos medios suficientes para cumprilos.

O camiño que segue a Xunta con estes adiamentos non é novo; nada cambiou dende que se fixeron as primeiras oposicións nos anos 90. Nunca se sabe cando se publicará a Oferta de Emprego Público; moito menos cantos anos máis tarde sairá a convocatoria de proceso selectivo; e despois de convocado seguen as continuas dilacións na súa execución. Neste senso, axudaría ter Comisións Permanentes de Selección.

A sensación xeral é que manda a impunidade, que a realización das oposicións chegan cando chegan e nada se pode facer por planificar a súa execución. A CIG ten valorado tomar medidas xudiciais, pero esta vía ten moi poucos visos de ser a solución: o feito de denunciar no xulgado a demora nos procesos selectivos, a efectos prácticos non se vai conseguir nada porque cando o xuíz/a resolva sobre o incumprimento dos prazos probablemente o exame xa estea feito. E porque sempre se corre o risco de que o xuíz/a anule todo o proceso selectivo, risco que ninguén quere asumir, as persoas participantes no proceso as primeiras.

Función Pública vai moi ben a golpe de procesos electorais. E cando non hai votacións á vista, ditala e atrasa os procesos ao máximo, porque mandan máis as autolimitacións orzamentarias que a necesidade de recursos humanos.

En calquera caso, desde a CIG seguiremos esixindo previsión e axilidade na realización dos procesos selectivos na Administración Autonómica e medios para conseguilo, o cumprimento dos prazos, a esixencia de responsabilidades, así como solicitando a modificación da designación dos tribunais.