En finanzas non mudaron nada respecto dos borradores anteriores (4/11/2016). O único que podemos dicir é que na xuntanza previa á Mesa Xeral (29/11/2016), tan só se comprometeron a estudar: a redución do temario para promoción interna, ampliar o tempo para o primeiro exercicio, forzar a que o tribunal teña que publicar a nota de corte antes de realizarse os exercicios. Nada de cambiar o tipo de probas, nin substituir temas por normas de dereito positivo, nin ... nada.

Para axentes gardacostas-C1 (OEP-2015), tampouco haberá marxe de negociación. O texto que aportan para a Mesa Xeral si contén algún cambio respecto do borrador previo (22/7/2016). Limítanse a: clarificar as bases I.2.1.2 e I.2.2.3 en canto ás titulacións, intercambiar a orde do 5º e 6º exercicio e ampliar o tempo que terán as mulleres para as probas físicas.

Na xuntanza previa falamos de veterinarios e ordenanzas diminuídos intelectuais:

Veterinarios: está a circular a información de que hai intención por parte da Administración de adiar este proceso selectivo. Dende a subdirección de provisión de postos e selección de persoal negan a información.

Ordenanzas diminuídos intelectuais: existen persoas que teñen recoñecida a minusvalía intelectual provisionalmente; como as bases falan de que a minusvalía hai que tela recoñecida o último día de presentación de instancias e mantela ata o nomeamento como empregado público, hai risco de que unha persoa con minusvalía provisional non teña a renovación e non cumpra as condicións finalmente; a fin de que esta xente que non ten garantías de manter a minusvalía saiba a que aterse, solicitamos que se fixe un calendario do proceso e se cumpra. Non obtemos resposta satisfactoria, limitándose a Administración a manifestar que por xaneiro publicarían a lista definitiva de admitidos e excluídos; o primeiro exercicio podería ser antes do verán, pero tratándose dun concurso-oposicións, probábelmente poríamonos a finais do 2017 para rematar.

De corpos xerais, bloqueadas dende fai tempo, non hai novas.