Achéganos Función Pública o borrador da orde pola que se convoca o proceso selectivo para ingreso no subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidade consumo (antigamente, subinspectores de consumo). Corresponde á Oferta de Emprego Público do ano 2014, convocando tres prazas mediante o sistema selectivo de oposición, das que duas serán para acceso libre e unha para promoción interna. 

Achéganos tamén o borrador da orde pola que se convoca o proceso selectivo para ingreso mediante promoción interna no subgrupo A1, escala superior de finanzas, correspondente á OEP do ano 2015. O sistema selectivo será concurso-oposición, ofertándose oito prazas para promoción interna.

Por último, como resposta á xuntanza que tivemos o día 20/1/2017 e posteriores alegacións escritas, achéganos o segundo borrador da orde pola que se convoca o proceso selectivo para veterinarios - A1, correspondente á OEP do 2015 (pero que arrastra ofertas de anos anteriores). O sistema selectivo será concurso-oposición. Ofértanse 55 prazas. Non vai ser posíbel que cumpran a previsión que nos deron: publicar a convocatoria en febreiro, tras unha nova xuntanza a primeiros de febreiro. Respecto do anterior borrador hai algún cambio: 

  • As probas obxectivas terán máis peso que a subxectiva (25 puntos o primeiro exercicio, 25 puntos o segundo e 10 o terceiro).
  • Reducen o número de preguntas do primeiro exercicio (agora 180) e fixan o número das que serán da parte xeral (30) e da específica (150). Modifican o tempo para realizalo.
  • Baixan de 3 a 2 os temas a desenvolver, e aumentan o tempo para realizalo (4 horas).
  • O tribunal terá que publicar os criterios de corrección antes da realización dos exercicios.
  • Na fase de concurso tan só fan cambios no referente á promoción interna.

Temos de prazo para presentar alegacións ás bases de finanzas e consumo ata o luns 20. Se queres enviarnos algo agradecemos que sexa antes do luns. Se queres, podes contactar coa CIG.