Respecto das prazas que retiran por estar ocupadas por persoal interino, dicir que o acordo entre Administración de Estado e UGT, CCOO e CSIF afecta a prazas que leven vacantes tres anos. Estender sen límite os efectos do acordo é subtraer prazas ás persoas que teñen dereito a escollelas. En canto ás prazas ocupadas en comisión de servizo, non existe xustificación válida algunha máis que os problemas que ten a Administración derivadas das súas propias limitacións orzamentarias.

En canto a ofertar prazas que non pasaron por concurso cualificándoas de “difícil cobertura”, afirmamos que é MENTIRA que prazas de localidades como Vigo, Ourense e outras poidan ser así cualificadas. Sabemos que existe demanda de postos nesas localidades. Rexeitamos o argumento que manifestan de que quedaron sen adxudicar en comisión de servizo. Que un posto quede sen adxudicación en comisión de servizos non é por non existir demanda, senón polos atrancos que as consellerías poñen para entregar informes favorábeis á marcha do seu persoal debido a que despois estas últimas terán dificultades para cubrir os seus propios postos tanto por persoal interino como en comisión de servizos. Xa que logo, rexeitamos o argumento exposto e responsabilizamos ás políticas orzamentarias do propio goberno das dificultades para cubrir as vacantes.

Entendemos que o persoal que vai elixir destino estará interesado en que se lles oferten todas as vacantes, pasaran ou non polo concurso. Pero a CIG ten que velar tamén polos intereses do persoal que prestando servizos nunha localidade leva anos tentando moverse a outra. Por tanto, non podemos aceptar que se oferten prazas en localidades de alta demanda sen pasar previamente polo concurso de traslados.

A CIG enviou escrito á Dirección Xeral da Función Pública solicitando:

  1. Ter información de todas as vacantes coa situación individual de cada unha delas.
  2. Que oferten todos os postos base vacantes que pasaron polo concurso.
  3. Caso de non chegaren, que oferten postos base vacantes en localidades con baixa demanda que non pasaron polo concurso pero que foron ofertados en comisión de servizos sen que houbera solicitudes.
  4. Só ao final, postos base de localidades de baixa demanda, pasaran ou non polo concurso.

Para rematar, e pensando nas futuras ofertas de emprego, insistir no que reclamamos sen moito éxito: que se garanta permanecer na localidade ás persoas que aproban a promoción interna, se fai falla mediante a opción ou a reclasificación dos postos ou a participar no acto de elección de destino. Iso animaría a máis funcionarios e funcionarias a valorar máis interesante á promoción interna.