Recoñecemos que pode existir interese dalgúns traballadores e traballadoras na promoción interna ao grupo IV, pero non así ao grupo V. Ao noso entender, a promoción interna do grupo V é unha involución con respecto ao que dispón o V Convenio, xa que este xa lle permite ao persoal laboral cambiar de categoría dentro do seu propio grupo a través do concurso de traslados, mentres que con esta promoción interna do grupo V para conseguir ese mesmo cambio de categoría vai ser necesario superar un exame.

Ao tempo mantemos a nosa demanda de que os procesos de acceso libre que están pendentes de ser convocados teñen que selo de persoal laboral, tal e como está aprobado na OEP-2016. Rexeitamos que agora os queiran sacar de funcionarios.

Volvendo ao contido da proposta de bases de promoción interna, afirmamos que na negociación das presentes bases foron aceptadas case todas as nosas alegacións, cun resultado final que consideramos satisfactorio:

  • Para todas as categorías haberá un exame tipo test sobre un temario asumible. 
  • Foron tidas en consideración as alegacións da CIG aos temarios.
  • As categorías vinculadas co servizo de incendios terán a maiores unha proba física. Aceptaron publicar os parámetros de aptitude da proba.
  • A fase de concurso gañou peso respecto dos borradores iniciais.
  • A antigüidade, que tamén gaña peso, valórase por meses en troques de anos.
  • Na formación aceptaron modificar todo: valorarán os cursos de duración igual ou superior a 12 horas (inicialmente 20 h), sen caducidade (inicialmente só os dos últimos cinco anos), ampliaron as entidades formadoras válidas (a proposta inicial era reducida). Como grandes novidades, aceptan todos os cursos (non só unha selección deles), e a valoración da súa duración será por horas (ata agora facíano inxustamente por tramos de horas).


Estritamente, o que se votou na Comisión de Persoal foron as bases das convocatorias de promoción interna de persoal laboral, non foi a Oferta que seguimos a rexeitar, nin o proceso de libre, que esiximos sexa como persoal laboral. Entón, ao compartir a CIG as bases tería que votar a favor. Pero tendo en conta que a promoción interna ao grupo V é un fraude pois ao final non é máis que un concurso de traslados con exame, a CIG non pode apoiar os procesos do grupo V. Por contra, si valoramos interesante a promoción interna ao grupo IV, polo que estes procesos si que decidimos apoialos.

Mantemos a esixencia de que as convocatorias de acceso libre ás categorías de persoal laboral que xa constan na Oferta de Emprego do 2016, se manteñan como persoal laboral tal e como estaba previsto, non como persoal funcionario polos prexuízos que isto podería ocasionar a moitas persoas que poderían quedar fora da convocatoria.

Finalmente, insistimos na necesidade dunha planificación que contemple a convocatoria dun concurso de traslados para todas as categorías do persoal laboral e para todos os corpos e escalas de persoal funcionario, unha Oferta de Emprego con todas as vacantes existentes, tanto con acceso libre como con promoción interna separada, a redución da temporalidade e, finalmente, a negociación do procedemento para acabar con este dobre vínculo funcionario-laboral e o establecemento dun único vínculo de “empregado público”.