A CIG ven de recorrer a orde da Consellaría de Facenda mediante a que se designou o tribunal que vai xulgar o proceso selectivo de acceso ao Corpo facultativo superior do subgrupo A1, escala de veterinarios.

Das cinco persoas nomeadas como membros dese tribunal, tres delas (o presidente e dous vogais) son veterinarios. As outras dúas (a secretaria e unha vogal) son funcionarias do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.

Isto vulnera gravemente o Decreto 364/1995 que regula o ingrso de persoal e a provisión de postos de traballo. Do mesmo xeito tamén se ven vulneradas as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección que din, expresamente que ‘Os tribunais que xulguen as probas selectivas relativas a persoal funcionario non poderán estar compostos maioritariamente por funcionarios/as dos corpos ou escalas de que se trate. Así mesmo, ningún membro terá titulación inferior á esixida para ser admitido/a ás probas’.

A esixencia de que os tribunais non estean compostos maioritariamente por persoal funcionario do corpo ou escala de que se trate o proceso selectivo é un elemento que a propia Xunta de Galiza asume como concreción dos principios de imparcialidade e profesionalidade , estabelecido tanto la Lei de emprego público de Galiza como no EBEP e constitúe unha garantía de transparencia para os aspirantes.

Dende a CIG presentamos este recurso para dar cumprimento da lexislación vixente e para garantir a confianza dos aspirantes ao proceso selectivo e para garantir a transparencia, igualdade, imparcialiade e profesionalidade do tribunal.

A CIG-Autonómica esixe a Función Pública que deixe de lado as chapuzas ás que nos ten habituados e proceda a corrixir este grave erro que podería ter consecuencias grandísimas para todas as persoas aspirantes xa que podería provocar a anulación do proceso selectivo e que o faga o máis axiña posíbel para que sexa posíbel manter as datas de exame anunciadas pola propia administración.