OPE, procesos selectivos

A Xunta de Galiza ven de modificar a composición do tribunal das oposición de veterinarias/os mediante unha orde no publicada no DOG do venres 9 de marzo.

A Xunta non recoñece que se equivoca nin cando lle plantexamos recursos ás súas chapuzas. Así podemos ver o cinismo que destila o executivo de Feijoo que fala de 'Por circunstancias sobrevidas modifícase a composición do dito tribunal cualificador' (sic).

O que oculta o Partido Popular é que esas 'circunstancias sobrevidas' non eran outras que a ilegalidade na composición do tribunal ao ter máis da metade dos seus membros pertencentes ao mesmo corpo ao que xulgan as probas, cousa que 'soamente' vulneraba cinco normas e algunha que outra xurisprudencia.

Tal cúmulo de irregularidades fixo que a CIG interpuxera un recurso de reposición o pasado 23 de febreiro e, casualidades da vida, cando se ía acabar o prazo de interposición de recurso, muda o tribunal e aduce esas 'circunstancias sobrevidas'.

Todo este proceso está a crear grande malestar entre o colectivo e opositores que miran con recelo o proceso selectivo polo que dende a CIG esiximos coñecer o estado e avances do tribunal (constituído o pasado 23 de febreiro) e que se fagan públicas as actas do mesmo xa que podería acontecer que se acometera xa a elaboración de preguntas do exame e estas estarían en coñecemento de persoas que non son membros do tribunal polo que terían que ser desbotadas por ser coñecidas por persoas que xa non están nel.

Do mesmo xeito esiximos tamén que Función Pública aclare se os cambios no tribunal van afectar á data prevista do proceso selectivo fixada para o día 22 de abril de 2018.