A Consellaría de Facenda ven de publicar hoxe unha orde no DOG para ampliar o prazo de realización do primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios, en vinte días hábiles.

A Xunta de Galiza fai referencia a que "Diversas cuestións de carácter organizativo impiden o cumprimento do prazo". Esas cuestións non son outras que a ilegalidade cometida no nomeamento do anterior tribunal cualificador e que tivo que ser recorrido pola CIG para evitar que todo o proceso selectivo puidera quedar viciado dende o principio polas chapuzas deste goberno trapalleiro.

A cousa é dunha chapuza tal que Función Pública xa anunciara a data probábel de exame o pasado venres fixándoa para o día 20 de maio unha semana antes de que se publicara esta ampliación de prazo que agora fai. Isto é, a Xunta previu facer o exame un día que superaba o prazo establecido nas bases de convocatoria e, agora, fai a ampriación de prazo para que ese día cumpra os prazos establecidos pero unha semana despois de que se anunciara.

Agardemos que os continuos parches, chapuzas e remendos que acumula un proceso selectivo que aínda non realizou ningunha proba non remate como outros procesos selectivos da mesma escala no pasado. Fartámonos de avisalo e xa levan varias cafradas. A ver como continúa todo este culebrón...