OPE, procesos selectivos

O martes 7 de marzo acudimos a unha xuntanza entre sindicatos e Función Pública para tratar as bases dos procesos selectivos de finanzas-A1-Promoción Interna da OEP 2015, e axentes de inspeccion de consumo da OEP 2014. Previamente falamos doutros procesos.

Veterinarios-2015: probablemente indiquen unha data anterior á constitución do tribunal para fixar as normas de dereito positivo que serían obxecto de estudo (base II.1). Están a valorar a eliminación do 3º exercicio. Previsto que entre na seguinte Mesa Xeral. 1º exercicio podería ser por outubro.

Delineantes-2015 e Axentes Facultativos Ambientais-2014: están bloqueados pola reclasificación ao grupo B que impón a Lei do Emprego Público de Galiza.

Axentes de inspección de consumo-C1-2014: a promoción interna será vertical dende C2, non aceptan que sexa separada, nin horizontal nin cruzada. Reclamamos puntuar máis a primeira proba (obxectiva) que a segunda (subxectiva) a razón de 26-14 en troques de 20-20. Poderían retirar a parte xeral do primeiro exercicio da promoción interna. Considerarán a proposta de que o suposto práctico sexa de resposta test en troques de desenvolvemento escrito. Non aceptan que exista un exame a facer en galego. Mantemos o resto das alegacións que xa presentamos. Incluirán o asunto na seguinte Mesa Xeral.

Achéganos Función Pública o borrador da orde pola que se convoca o proceso selectivo para ingreso no subgrupo C1, escala de axentes de inspección, especialidade consumo (antigamente, subinspectores de consumo). Corresponde á Oferta de Emprego Público do ano 2014, convocando tres prazas mediante o sistema selectivo de oposición, das que duas serán para acceso libre e unha para promoción interna. 

Achéganos tamén o borrador da orde pola que se convoca o proceso selectivo para ingreso mediante promoción interna no subgrupo A1, escala superior de finanzas, correspondente á OEP do ano 2015. O sistema selectivo será concurso-oposición, ofertándose oito prazas para promoción interna.

Por último, como resposta á xuntanza que tivemos o día 20/1/2017 e posteriores alegacións escritas, achéganos o segundo borrador da orde pola que se convoca o proceso selectivo para veterinarios - A1, correspondente á OEP do 2015 (pero que arrastra ofertas de anos anteriores). O sistema selectivo será concurso-oposición. Ofértanse 55 prazas. Non vai ser posíbel que cumpran a previsión que nos deron: publicar a convocatoria en febreiro, tras unha nova xuntanza a primeiros de febreiro. Respecto do anterior borrador hai algún cambio: 

  • As probas obxectivas terán máis peso que a subxectiva (25 puntos o primeiro exercicio, 25 puntos o segundo e 10 o terceiro).
  • Reducen o número de preguntas do primeiro exercicio (agora 180) e fixan o número das que serán da parte xeral (30) e da específica (150). Modifican o tempo para realizalo.
  • Baixan de 3 a 2 os temas a desenvolver, e aumentan o tempo para realizalo (4 horas).
  • O tribunal terá que publicar os criterios de corrección antes da realización dos exercicios.
  • Na fase de concurso tan só fan cambios no referente á promoción interna.

Temos de prazo para presentar alegacións ás bases de finanzas e consumo ata o luns 20. Se queres enviarnos algo agradecemos que sexa antes do luns. Se queres, podes contactar coa CIG.

Estes días saíron na prensa moitas noticias sobre irregularidades en procesos selectivos da Xunta que dan lugar a admisión de aspirantes suspendidos, repetición de probas, rebaremación de notas… pero nunca a asunción de responsabilidades por parte dos tribunais e de quen os nomeou, ou sexa Función Pública a través do señor Barreiro.

Hoxe traemos aquí outra chapuza examinadora por parte desta Administración; o caso é que no ano 2014 realizáronse os exames para varias prazas da escala de Delineantes convocados no 2013 e no exame práctico había dúas opción: a opción B que non dou problemas, e a opción A que tiña un exame irresoluble e que fixo que cada opositor tivese que buscarse a vida, sen datos obxectivos, para poder elaboralo.

Función Pública ven de remitirnos unha nota sobre os procesos selectivos en curso. O contido é o seguinte:

PROCESOS SELECTIVOS EN CURSO.- 16/12/2016

PROMOCIÓN INTERNA.-CORPOS XERAIS

A1.. Publicadas notas do 2º exercicio, e 3º exame (temas) o día 22 de decembro de 2016 (faltaría o exame de galego de ser o caso e a fase de concurso). Vaise publicar no DOG do día 21/12/2016 o procedemento da fase de concurso.

A2. Publicadas notas 2º exercicio. O exame de galego non se faría xa que están todos exentos (pendente de publicar a resolución de exención de galego). Vaise publicar no DOG do día 21/12/2016, o procedemento da fase de concurso

C1 e C2. Realizado exame de galego en novembro. Publicanse notas de exame de galego o día 19/12/2016 no DOG e publicouse o procedemento da fase de concurso. A partir do día 20 de decembro teñen que presentarse os méritos.

ACCESO LIBRE.- CORPOS XERAIS

A1.. Publicadas notas 2º exercicio. Realizarase o 3º exame o día 21 de xaneiro.

A2.. Publicadas notas 2º exercicio. Realizarase o 3º exame previsiblemente o día 12 xaneiro

C1.. Publicadas notas 2º exercicio. Realizarase o 3º exame previsiblemente o día 19 de xaneiro

C2. O exame de informática farase o día 20 de decembro en Silleda.

ESCALAS FINANZAS.-

Escala superior. Publicadas notas terceiro exercicio Realizarase o 4º exercicio (temas) previsiblemente o día 24 de xaneiro.

Escala técnica. Publicadas notas terceiro exercicio. Exame galego en xaneiro.

O xoves 1 de decembro está convocada a Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos onde se van tratar: as bases dos procesos selectivos para ingreso nas escalas superior de finanzas (A1), técnica de finanzas (A2) e axentes de gardacostas (C1); tamén vaise discutir o anteproxecto relativo á masa salarial do capítulo I do proxecto de lei de orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2017.

Respecto os orzamentos-2017, dicir que nestes momentos descoñecemos a proposta da Administración, pois xunto á convocatoria da Mesa Xeral non aportaron ningún documento. Esto é todo un síntoma do nulo interese por negociar e chegar a acordo.

Dos tres procesos selectivos, o que corre máis presa é o da escala superior de finanzas pois corresponde á OEP-2013 e corre risco de que caduque. Teñen a intención de publicalo, conxuntamente coa escala técnica de finanzas e axentes de gardacostas no mes de decembro.

Que pasa coas oposicións aos corpos xerais da Xunta? Dende fai semanas estamos a recibir moitas queixas, e con razón, sobre o lento desenvolvemento dos procesos selectivos de Corpos Xerais da Xunta de Galiza. Ao xa de por si indeterminado tempo que pode transcorrer entre a publicación da Oferta de Emprego Público e a da convocatoria, únese a inconcreción nas datas de realización dos exercicios e o exceso nos prazos entre cada un destes.

Os procesos máis afectados polos atrasos son:

  • A2 promoción interna: segundo exame 27 de xullo e aínda sen notas; xa pasaron os prazos do terceiro (galego).
  • C1 promoción interna: segundo exame 14 de xullo e notas o 7 de outubro con modificación posterior o 17 de outubro; non hai nada do terceiro exercicio (galego) e xa pasaron os prazos (mesmo a ampliación concedida por Función Pública).
  • C2 promoción interna: segundo exame 22 de xullo e notas o 29 de setembro; non hai nada do terceiro exercicio (galego) e xa pasaron os prazos (mesmo a ampliación concedida por Función Pública)
  • C2 libre: primeiro exercicio 15 de xullo e notas o 29 de xullo; o segundo estaba previsto desde setembro para esta primeira quincena de novembro; incumprido.
  • A1 promoción interna: aínda non están publicadas as notas do segundo exame realizado o 28 de setembro e en breve incumprirán tamén o prazo para realizar o terceiro exame, previsto para a segunda quincena de novembro; o 16 de setembro ampliaron o prazo por 20 días.

A CIG vén de protestar diante do director xeral da función pública pola paralización da maioría destes procesos e demanda axilidade na súa realización. Dende función pública botan balóns fóra e culpan aos distintos tribunais polo atraso. Non abonda con promesas de darlles un toque de atención.

Co fin de evitar á previsible xudicialización derivada das sentenzas emitidas polo TXUE con respecto ao persoal funcionario interino e laboral temporal, a CIG reitérase por enésima vez no seu posicionamento de exixirlle á Xunta de Galiza a negociación con carácter inmediato dunha oferta de emprego público extraordinaria nos seguintes termos:

  • Oferta de todas as vacantes existentes en todas as categorías do persoal laboral e en todos os corpos e escalas de persoal funcionario.
  • Procesos de promoción interna separada dos procesos libres:
    • Co 50% da oferta, en todas as categorías, corpos e escalas.
    • Cunha promoción interna cruzada, non só horizontal, entre todos os corpos e escalas.
    • Establecemento dun sistema que procure o mantemento da localidade.
  • Forma de acesso mediante concurso-oposición de xeito que tamén se recoñeza os principios constitucionais de mérito, igualdade e capacidade.
  • Que as ofertas para persoas con discapacidade intelectual non se concentren nunha única categoría/corpo/escala, e en todo caso, que exista tamén oferta libre nesas categorías/corpos/escalas para persoas sen discapacidade.
  • Negociación, convocatoria e resolución previa á elección de destino das persoas aprobadas nos procesos selectivos, dun concurso de traslados en todas as categorías do persoal laboral, así como en todos os corpos e escalas pendentes de persoal funcionario. A este respecto, non aceptamos o adiamento dos concursos xustificado na negociación da clasificación de categorías do convenio colectivo, nin na revisión das RPTs como consecuencia da modificación da estrutura da Xunta, nin na nova clasificación dos corpos/escalas derivadas da Lei do Emprego Público.
  • Ao tempo esiximos que se remate cos flagrantes incumprimentos da Administración en materia de persoal, como son o proceso de funcionarización do persoal laboral fixo en postos de persoal funcionario pendente dende o ano 2001 e os procesos de consolidación acordados no ano 2008.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ven de declarar a nulidade da Oferta de Emprego Público do ano 2015 (OEP-2015) logo do contencioso-administrativo presentado pola CIG en canto ás prazas de persoal laboral "por non incluír a previsión obrigada de reserva para promoción interna" dun mínimo do 50 % das vacantes ofertadas, tal e como recolle o convenio colectivo.

Lamentablemente esta sentencia xudicial chega tarde porque a Xunta de Galiza, sendo plenamente consciente de que aprobou a OEP de 2015 de xeito ilegal, nun intento chapuceiro de emendar o seu "erro", botou man da complacencia de CCOO, UGT e CSIF para asinar o 24 de febreiro de 2016 un acordo co voto en contra da CIG para modificar o convenio colectivo e de paso "saltarse" a reserva do 50 % das prazas ofertadas para a promoción interna do persoal laboral en seis postos da OEP de 2015.

Como non hai nada casual, o día despois de asinar ese acordo, Facenda convocou o proceso selectivo deses seis postos, pero xa sen promoción interna. Que ben!

Esta victoria xudicial agridoce da CIG deixa en evidencia a xestión chapuceira da Xunta de Galiza nun tema tan importante como son as ofertas de emprego público. Ao máis puro estilo marxista (de Groucho), a Xunta de Galiza fixo aquelo de "non me gusta unha oep de persoal laboral con promoción interna como exixe o convenio, pois, modifico o convenio". E o máis triste de todo é que foi co beneplácito de CCOO, UGT e CSIF, que nada lles importa o convenio colectivo e si moito o facer seguidismo da política da Xunta de Galiza.

Achegounos Función Pública o borrador do proxecto de orde pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios.

Temos que presentar alegacións antes do venres 5 de agosto. Se queres dicirnos algo, contacta coa CIG.

Achegounos a Dirección Xeral de Función Pública o primeiro borrador do proxecto de orde pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galiza, correspondentes á Oferta de Emprego Público para o ano 2015.

Temos de prazo ata o xoves 28 de xullo para presentar alegacións. Se queres, podes contactar coa CIG.