OPE, procesos selectivos

Que pasa coas oposicións aos corpos xerais da Xunta? Dende fai semanas estamos a recibir moitas queixas, e con razón, sobre o lento desenvolvemento dos procesos selectivos de Corpos Xerais da Xunta de Galiza. Ao xa de por si indeterminado tempo que pode transcorrer entre a publicación da Oferta de Emprego Público e a da convocatoria, únese a inconcreción nas datas de realización dos exercicios e o exceso nos prazos entre cada un destes.

Os procesos máis afectados polos atrasos son:

  • A2 promoción interna: segundo exame 27 de xullo e aínda sen notas; xa pasaron os prazos do terceiro (galego).
  • C1 promoción interna: segundo exame 14 de xullo e notas o 7 de outubro con modificación posterior o 17 de outubro; non hai nada do terceiro exercicio (galego) e xa pasaron os prazos (mesmo a ampliación concedida por Función Pública).
  • C2 promoción interna: segundo exame 22 de xullo e notas o 29 de setembro; non hai nada do terceiro exercicio (galego) e xa pasaron os prazos (mesmo a ampliación concedida por Función Pública)
  • C2 libre: primeiro exercicio 15 de xullo e notas o 29 de xullo; o segundo estaba previsto desde setembro para esta primeira quincena de novembro; incumprido.
  • A1 promoción interna: aínda non están publicadas as notas do segundo exame realizado o 28 de setembro e en breve incumprirán tamén o prazo para realizar o terceiro exame, previsto para a segunda quincena de novembro; o 16 de setembro ampliaron o prazo por 20 días.

A CIG vén de protestar diante do director xeral da función pública pola paralización da maioría destes procesos e demanda axilidade na súa realización. Dende función pública botan balóns fóra e culpan aos distintos tribunais polo atraso. Non abonda con promesas de darlles un toque de atención.

Co fin de evitar á previsible xudicialización derivada das sentenzas emitidas polo TXUE con respecto ao persoal funcionario interino e laboral temporal, a CIG reitérase por enésima vez no seu posicionamento de exixirlle á Xunta de Galiza a negociación con carácter inmediato dunha oferta de emprego público extraordinaria nos seguintes termos:

  • Oferta de todas as vacantes existentes en todas as categorías do persoal laboral e en todos os corpos e escalas de persoal funcionario.
  • Procesos de promoción interna separada dos procesos libres:
    • Co 50% da oferta, en todas as categorías, corpos e escalas.
    • Cunha promoción interna cruzada, non só horizontal, entre todos os corpos e escalas.
    • Establecemento dun sistema que procure o mantemento da localidade.
  • Forma de acesso mediante concurso-oposición de xeito que tamén se recoñeza os principios constitucionais de mérito, igualdade e capacidade.
  • Que as ofertas para persoas con discapacidade intelectual non se concentren nunha única categoría/corpo/escala, e en todo caso, que exista tamén oferta libre nesas categorías/corpos/escalas para persoas sen discapacidade.
  • Negociación, convocatoria e resolución previa á elección de destino das persoas aprobadas nos procesos selectivos, dun concurso de traslados en todas as categorías do persoal laboral, así como en todos os corpos e escalas pendentes de persoal funcionario. A este respecto, non aceptamos o adiamento dos concursos xustificado na negociación da clasificación de categorías do convenio colectivo, nin na revisión das RPTs como consecuencia da modificación da estrutura da Xunta, nin na nova clasificación dos corpos/escalas derivadas da Lei do Emprego Público.
  • Ao tempo esiximos que se remate cos flagrantes incumprimentos da Administración en materia de persoal, como son o proceso de funcionarización do persoal laboral fixo en postos de persoal funcionario pendente dende o ano 2001 e os procesos de consolidación acordados no ano 2008.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ven de declarar a nulidade da Oferta de Emprego Público do ano 2015 (OEP-2015) logo do contencioso-administrativo presentado pola CIG en canto ás prazas de persoal laboral "por non incluír a previsión obrigada de reserva para promoción interna" dun mínimo do 50 % das vacantes ofertadas, tal e como recolle o convenio colectivo.

Lamentablemente esta sentencia xudicial chega tarde porque a Xunta de Galiza, sendo plenamente consciente de que aprobou a OEP de 2015 de xeito ilegal, nun intento chapuceiro de emendar o seu "erro", botou man da complacencia de CCOO, UGT e CSIF para asinar o 24 de febreiro de 2016 un acordo co voto en contra da CIG para modificar o convenio colectivo e de paso "saltarse" a reserva do 50 % das prazas ofertadas para a promoción interna do persoal laboral en seis postos da OEP de 2015.

Como non hai nada casual, o día despois de asinar ese acordo, Facenda convocou o proceso selectivo deses seis postos, pero xa sen promoción interna. Que ben!

Esta victoria xudicial agridoce da CIG deixa en evidencia a xestión chapuceira da Xunta de Galiza nun tema tan importante como son as ofertas de emprego público. Ao máis puro estilo marxista (de Groucho), a Xunta de Galiza fixo aquelo de "non me gusta unha oep de persoal laboral con promoción interna como exixe o convenio, pois, modifico o convenio". E o máis triste de todo é que foi co beneplácito de CCOO, UGT e CSIF, que nada lles importa o convenio colectivo e si moito o facer seguidismo da política da Xunta de Galiza.

Achegounos Función Pública o borrador do proxecto de orde pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios.

Temos que presentar alegacións antes do venres 5 de agosto. Se queres dicirnos algo, contacta coa CIG.

Achegounos a Dirección Xeral de Función Pública o primeiro borrador do proxecto de orde pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galiza, correspondentes á Oferta de Emprego Público para o ano 2015.

Temos de prazo ata o xoves 28 de xullo para presentar alegacións. Se queres, podes contactar coa CIG.

Achéganos Función Pública o Proxecto de Orde pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso corpo de axudantes facultativos/as de Administración especial da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de delineantes, correspondente á Oferta de Emprego Público do ano 2015.

Temos ata o venres 15 para presentar alegacións. Se queres dicirnos algo, podes contactar coa CIG.

O mércores  22 de xuño de 2016 publicouse no BOE a Convocatoria das oposicións da OPE 2016 na Administración Xeral do Estado. Estamos ante unha das convocatorias con maior número de postos de persoal informático na AGE.

Isto é o normal ante implantación da administración electrónica: Incorporación de persoal informático  propio. Examinando os tres últimos anos, podemos comprobar que AGE convocou un total de 390 postos de persoal  do grupo C1 e un total de 356 do grupo A2.

Na Comisión de Persoal do mércores 1 de xullo, o Director Xeral de Función Pública informounos das datas dos exames dos procesos selectivos de corpos xerais, acceso libre.

O xoves 2 de xullo, recibimos aviso de Función Pública de que había un erro nas datas de C1 e C2, co que as definitivas serían as seguintes:

A1-Venres 8 de xullo pola tarde

A2- Sábado 9 de xullo pola tarde

C1- Sábado 9 de xullo pola mañán

C2- Venres 15 de xullo pola tarde

Desta volta referida aos proceso selectivos de A1-Bibliotecas e ao de A2-Enxeñ. Téc. Industrial-consolidación. Os dous derivados dunha oferta reserva da Oferta de Emprego Público de 2011.

Bibliotecas A1: convocada pola Orde de maio de 2014. Eran 7 prazas as que se convocaron (1 de promoción interna). Estes son os postos que se ofertán para a elección de destino definitivo das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo: descargar.

Enx. Téc. Industrial A2: Convocada pola Orde do 20 de xuño de 2013. Son 3 prazas as que se covocaron nesta modalidade. Estes son os postos que se ofertarán para a elección de destino definitivo das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo: descargar.

Ante as diferentes informacións aparecidas os últimos días nos medios de comunicación con información sesgada por parte de CC.OO, CSIF e UGT onde se acusa a CIG-Autonómica de denunciar un acordo de oferta de emprego público, queremos manifestar o seguinte:

1º.- Dende a CIG-Autonómica non denunciamos o acordo antedito, senón que denunciamos unha parte de dito acordo, en concreto os puntos 1º, 2º e 3º de dito acordo, isto é, os puntos que anulan unha parte do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

2º.- No caso de que prospere a denuncia da CIG-Autonómica consolidaranse todas as prazas ofertadas na OPE 2016, é dicir, si o TSXG nos dá a razón, a Xunta terá que convocar e cubrir as 506 prazas, xa que as que non se cubran por promoción interna terán que ser ofertadas a acceso libre. Non como acontece neste momento en que CC.OO, CSIF e UGT asinaron a posibilidade de que non se cubra a oferta de promoción interna e esas prazas se amorticen.