Máis que CIG-Autonómica

Manifestación, xoves 22 de febreiro, ás 18:30 desde Vía Norte (Vigo)

Diante da continuada negativa do Partido Popular a indultar dous traballadores inocentes, temos que redobrar esforzos para exixir que se faga xustiza. Véñense de cumprir catro anos de espera por un indulto reclamado por un clamor unánime a nivel social e institucional, e que pode evitar que os compañeiros Carlos e Serafín ingresen en prisión por causa de participar dunha folga.

Con tal fin está convocada para este xoves 22 unha grande manifestación en Vigo para reclamar o indulto para os compañeiros Carlos Rivas e Serafín Rodríguez. Ás 18:30h desde Vía Norte. Acompáñase cartel.

Porque Carlos e Serafín somos todos, somos todas. Porque defender a clase traballadora non poder ser delito. INDULTO XA!

Os sindicatos convocantes manteñen as mobilizacións previstas para os vindeiros días

A xuntanza celebrada este luns 12 entre o comité de folga de xustiza e os directores e subdirectores de Función Pública e Xustiza rematou sen acordo. Continúa así a folga indefinida e mantéñense as mobilizacións convocadas para os vindeiros días, nomeadamente as manifestacións que están previstas para o vindeiro xoves nas distintas cidades galegas, e as asembleas nas que o comité de folga explicará en que consistiu a xuntanza.

Segundo explica o representante da CIG no comité de folga, os representantes da administración preferían centrar na cuestión económica o debate e ofreceron unha suba duns 15 euros por corpo respecto da proposta que presentaran con anterioridade. Deste xeito agora a proposta da Xunta sería dun incremento de 90€ para Xestión; de 76€ para tramitación e de 68€ para auxilio.

Ademais reducirían as tres anualidades a dúas aplicando o 50% dese incremento para 2019 e o 50% restante para 2020, unha diferenza tamén respecto da proposta anterior xa que do outro xeito a suba completaríase en 2021.

Fronte a isto, a proposta sindical foi de incrementos de 100€ para 2018, que aceptarían que se atrasaran até marzo, cando a administración conta con que estean aprobados os orzamentos xerais do Estado, desaparecendo así a restrición de incremento retributivo para 2018.

O resto das subas serían de 75€ para 2019 e de 50€ para 2020, acadando un incremento total de 225 euros.

Negociación global, non só económica

Con todo, para as/os representantes do comité de folga os temas a abordar terían que ir máis alá da cuestión económica, temas que foron presentado punto por punto, limando asperezas na cuestión das amortizacións das 106 prazas previstas e no tema das 36 prazas de consolidación, posteriormente abordouse a cuestión as amortizacións e finalmente chegouse ao das baixas por incapacidade temporal. Un punto no que “a negativa da administración foi rotunda”, afirma o representante da CIG que explica que “consideraron que a distancia aínda era moita”.

Con todo, os representantes de Función Pública e Xustiza da Xunta de Galiza comprometéronse a volver convocar unha nova xuntanza esta mesma semana para seguir avanzando na negociación, polo que se manteñen as mobilizacións previstas, incluídas as manifestacións que previsibelmente se celebrarán o xoves ás 12:00 horas en todas as cidades galegas. Ademais entre este martes e o mércores, onde non sexa festivo, están convocadas asembleas para expor a todo o persoal do sector o falado na xuntanza.

O vindeiro sábado, 17 de Maio, a Plataforma Queremos Galego, da que a CIG forma parte, fai un chamamento a multiplicar por oito a defensa da nosa lingua, participando nalgunha das mobilizacións expansivas que se van realizar nas sete cidade e en Foz, baixo o lema “Un paso adiante, e outro ADIANTE, Galiza! Defendamos o noso idioma”.

Os actos desenvolveranse ás 12:00 horas nos seguintes lugares:
 
- A Coruña: A carón do Teatro Rosalía de Castro (confluencia das rúas Real e Rego de Auga)
- Ferrol: Praza de Armas.
- Santiago: Porta Faxeira.
- Pontevedra: Praza da Peregrina.
- Vigo: Manifestación con saída de Vía Norte.
- Ourense: Alameda (diante da estatua de Eduardo Blanco Amor).
- Lugo: Xardíns de San Roque (diante da estatua de Xoán Montes).
- Foz: Praza do Conde de Fontao.
O venres, 2 de maio, ás 20 horas, na Coruña, Ourense, Ferrol, Vigo e Compostela
 
Cinco galegas mortas en apenas catro meses. Dúas delas en menos dunha semana. A última asasinada na madrugada deste mércores na Coruña. Non podemos ficar impasíbeis ante esta situación, por iso, a CIG fai un chamamento a participar activamente nos actos convocados para amosar a repulsa ante o terrorismo machista.

A CIG fai un chamamento a toda a sociedade galega a participar nas concentracións en rexeitamento á violencia machista, convocadas polo movemento feminista tras do asasinato este xoves de María Elena Rodríguez Quiroga, en Foz.

Dende a CIG manifestamos o rexeitamento a todas as estruturas e valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia sexista, instamos aos poderes públicos a combatela de xeito prioritario e integral, recuperando o seu carácter prioritario, dotando de orzamentos suficientes as políticas de igualdade, xunto con programas de prevención e actuación. Comezando tamén por unha política educativa desde idades temperás que permita erradicar comportamentos discriminatorios, de xeito que sexamos quen de acadar unha Sociedade libre de violencia.

Por todo isto, a CIG chama a manifestarse coa cidadanía e non xunto cos políticos responsábeis deste tipo de recortes que provocan a marcha atrás que esta Sociedade está a sofrer con respecto aos dereitos das mulleres. Chamamos a manifestarse tamén por outro tipo de dereitos fundamentais das mulleres, que é o dereito ao aborto, cercenado e vilipendiado polos mesmos que se van facer a foto hoxe en San Caetano e nas delegacións provinciais da Xunta de Galiza.

As concentracións que hoxe se van desenvolver no noso país (en Vigo e Ferrol xa se celebraron o pasado sábado) son:

Ante a insistencia da Xunta solicitando das organizacións sindicais que remitan as posíbeis alegacións, a CIG reitera o absoluto rexeitamento ao “Código ético institucional” promovido polo Goberno galego e demanda do PP que aplique este mesmo baremo aos seus cargos políticos implicados/as en casos de corrupción; cargos aos/ás que até o momento non esixiu responsabilidades. A CIG solicita, unha vez máis, a retirada inmediata deste borrador.

Once manifestacións percorrerán, neste Primeiro de Maio, cidades e vilas de Galiza baixo o lema “Contra a explotación e a pobreza. Fagámoslle fronte á Unión Europea. Organización, loita e soberanía”.  Con elas a CIG quere denunciar a situación de pobreza, precariedade e desemprego que afecta a miles de galegas e galegos. Unha situación que está a provocar a masiva emigración da nosa mocidade e que empeora por mor das políticas promovidas pola UE e aplicadas pola Xunta de Galiza e o Goberno español. Por iso fai un chamamento a organizarse contra o sistema capitalista e reclamar outro modelo máis xusto, solidario e democrático

Na Galiza preto de medio millón de persoas están baixo o umbral de pobreza, e desta cifra, case cen mil son menores de 18 anos, segundo Cáritas. Cada mes máis de 150 familias perden a vivenda.

O 10 de marzo de 1972 dous compañeiros (Amador e Daniel) morrían en Ferrol defendendo os nosos dereitos e liberdades, os de todas e todos, non só os seus.

A CIG outorga o Premio do Día da Clase Obreira Galega a traballadores/as de Albada (empresa participada por Florentino Pérez, o muchimillonario da lista Forbes que "non sabe canto diñeiro que ten"...)

O persoal desta empresa coruñesa protagonizou unha folga de máis de tres meses para conseguir un novo convenio. Grazas a isto conseguiron evitar as pretensións da empresa: baixada brutal de salarios, incremento da xornada e máis despedimentos.

A CIG chama a mobilizarse este 10 de Marzo polo dereito a un emprego digno na Galiza.

Horarios e lugares das manifestacións

- Ferrol, ás 20:00 horas dende os locais da central sindical. Ás 12:30 horas realizarase a ofrenda floral no monumento 10 de Marzo.

- Vigo, ás 19:30 horas dende Vía Norte.

- Compostela, ás 20:00 horas dende a Praza Roxa.

Increméntase a contía dos orzamentos pero ese incremento destínase na súa totalidade a gastos derivados da débeda.
 
Os orzamentos da Xunta de Galiza para 2014 experimentan un incremento respecto do ano 2012. Incremento que provén dos maiores ingresos por impostos indirectos e de endebedamento e que van ser gastados, na práctica totalidade, en gastos derivados da débeda. Malia a situación que estamos a atravesar, con altas taxas de desemprego, empobrecemento da poboación ou desinvestimento, “a Xunta de Galiza non utiliza a arma máis importante que ten, a política orzamentaria, para tentar mudar, ou cando menos, paliar esta situación”.

Atención: os actos do día da Patria están a ser desconvocados, incluidas as manifestacións, polo accidente de tren que ocorreu o día 24 en Compostela con numerosos falecidos/as e feridos/as. Dende a CIG-Autonómica, transmitimos o noso pésame ás familias e amigos/as das persoas afectadas.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) chama un ano máis a toda a súa afiliación e simpatizantes a participar nas mobilizacións convocadas polas distintas organizacións nacionalistas o vindeiro 25 de xullo en Santiago de Compostela para conmemorar a celebración do Día da Patria Galega. A central anima tamén a súa militancia a apoiar coa súa presenza todos actos que se organizan ao longo do país nestas datas para reivindicar a soberanía nacional, a xustiza social e a solidariedade.

A CIG considera que o actual marco xurídico é insuficiente para garantir os dereitos nacionais de Galiza, sobre todo nas materias que máis nos afectan como clase traballadora.

No actual contexto de crise do sistema capitalista neoliberal, a mobilización para reivindicar un autogoberno sustentado na autodeterminación e na soberanía nacional cobra aínda máis importancia de cara á mellor defensa dos intereses da clase obreira galega.

Na nosa central entendemos que este ano a participación é máis necesaria que nunca para amosar o rexeitamento da clase traballadora galega ás políticas que está a aplicar a dereita española no noso país que abocan a milleiros de mozos e mozas á emigración.

Estase a producir tamén unha perda constante de dereitos laborais, baixadas de salarios e aumentos de xornada, ao tempo que se desmantelan os nosos principais sectores produtivos como sucede na actualidade co naval, unha industria fundamental nas comarcas de Vigo e Ferrol e estratéxica para o conxunto do país.

Diante disto, animamos a toda a afiliación a apoiar coa súa presenza as mobilizacións e os distintos actos que se convoquen ao longo do país no contexto do Día da Patria Galega para reivindicar a soberanía nacional, a xustiza social e a solidariedade.

Por unha Galiza ceibe e sen explotación!