A central sindical considera que é fundamental que os rapaces e rapazas interioricen que o galego é tan útil como calquera outra lingua e que nel se pode ensinar e estudar matemáticas, historia e todo o que se queira. Entende ademais que é moi importante elixir o galego porque, no centro escolar, é onde se socializan con outros pequenos e pequenas e, nesa socialización, é onde se constata que a nosa lingua sae perdendo, pois no patio de xogos acaba por se impor o castelán.

A CIG valora que seleccionando a nosa lingua tamén se apoia ao profesorado máis concienciado para que poida seguir pulando por unha ampla presenza do galego no centro. Porén, só se a maioría dos pais e nais solicitan o ensino en galego, a Consellaría estará obrigada a aceptar que o galego sexa a lingua maioritaria na aula. De non ser así, a Consellaría pode obrigar o docente a dar aulas en español.

A Confederación Intersindical Galega lembra que escoller o galego é a única garantía de que a nosa lingua teña futuro; que é unha forma de defender os dereitos dos nenos e nenas a expresarse con desenvoltura no noso idioma e de avalar o traballo que vén facendo o profesorado na súa defensa, apostando ademais pola súa pervivencia.