Dende a CIG considérase que se trata duns orzamentos restritivos, nos que só se incrementa o 1,3% o esforzo investidor da Xunta, unha cifra que queda por debaixo do incremento medio orzamentario. Neste senso reclamouse á Xunta de Galiza uns orzamentos expansivos, cunha forte aposta polo gasto público e o investimento produtivo e social, para “contrarrestar a caída do investimento privado e o forte incremento que vai haber do desemprego, cousa que non se fai ao quedarse no ridículo déficit público do 1% do PIB”.

O Secretario Xeral cualificou as previsións de ingresos manexadas polo goberno galego de “pouco creibeis”, sinalando que o crecemento do 1,3% do PIB que se apunta nos orzamentos constitúe unha meta difícil de acadar, ao igual que sucede co obxectivo de manter os níveis de desemprego actuais ou un incremento nos ingresos por IRPF do 21,7%. “Estes orzamentos non combaten a crise, non crean emprego, non garanten a cobertura aos desempregados, non apoian o sistema produtivo, nin están pensados para paliar a crise que padece a clase obreira galega”, afirmou Seixo.

Debate da ILP

Durante o transcurso da concentración, fíxose entrega no rexistro do Parlamento de dous escritos dirixidos aos grupos parlamentares: un na contra dos Orzamentos e outro demandando o debate da ILP.

A CIG presentou o pasado mes de xuño unha iniciativa lexislativa popular contra o plus dos altos cargos, avalada pola sinatura de máis de 19.000 galegos e galegas. A día de hoxe, a proposta aínda non foi introducida nos debates parlamentares nin pola presidenta da Cámara, nin polos grupos políticos con representación.

A actitude que están mantendo é antidemocrática e de burla á lei”, afirmou Seixo, e engadiu que “o bloqueo á ILP responde exclusivamente ao interese en evitar que a proposición de lei sexa obxecto de debate plenario na presente lexislatura, polos mesmo deputados e deputadas que aprobaron o polémico plus”.

O Secretario Xeral da CIG aproveitou a ocasión para demandar a modificación do regulamento da Cámara, de xeito que a toma en consideración das iniciativas lexislativas populares sexa introducida automaticamente no orde do día do Pleno seguinte á súa publicación, sen que poida adiarse máis dun mes desde a entrega das sinaturas que a apoian.