A CIG alén de reiterar a súa rotunda oposición a todas estas medidas, asegura que non está disposta a entrar neste xogo porque a Xunta converte estas convocatorias en meros actos formais, absolutamente inútis, ao non haber marxe algunha de negociación.

A Área Pública da CIG denuncia ademais que a Xunta de Galiza vai aínda máis alá do decreto aprobado no Estado, porque ante a supresión da paga extra para este ano, nin sequera contempla de xeito concreto a posibilidade de recuperar as cantidades non percibidas no futuro. Aplícase como recorte directamente”

Polo demais, o contido do borrador remitido ás organizacións sindicais non é máis que un traslado literal do decreto-lei no Estado, que a Xunta de Galiza non tería problema algún en aplicar directamente, pero que o PP se ve obrigado a pasar polo Parlamento, ao implicar modificacións na lei de orzamentos da Xunta de Galiza.

A aplicación de todas as medidas anunciadas afecta a todos os empregados e empregadas de todas administracións públicas, empresas públicas, entes, fundacións e organismos autónomos.

A Área Pública considera que o PPdG é fiel reflexo de submisión aos mandatos de Madrid na medida en que non só ten pensado aplicar todas esas medidas que veñen de ser aprobadas polo goberno do Estado, senón que, como se ve, vai máis alá.

Considera vergoñento e inaceptábel que logo das permanentes agresións públicas levadas a cabo polo PP, unha vez máis no canto de facer fronte a estas medidas, que van en contra dos dereitos máis elementais das empregadas e empregados públicos acepte sen cuestionalo, unha invasión en toda a súa extensión ás competencias que o goberno galego ten nos distintos ámbitos.

Por iso, a CIG fai un chamamento a todas as empregadas e empregados públicos a participar activamente nas concentracións previstas diante dos centros de traballo e nas manifestacións convocadas nas cidades e vilas, para a tarde.

Este saqueo ao pobo e estas brutais agresións aos dereitos laborais e sociais máis fundamentais ten que ser contestado e rexeitado de forma masiva con mobilizacións na rúa. Mobilizacións que teñen que camiñar cara a convocatoria dunha folga xeral de non producirse un cambio profundo de rumbo nestas políticas económicas erráticas.