Políticas promovidas desde a Unión Europea, coa colaboración da Xunta de Galiza e do Goberno Español, están estrangulando a economía galega, a nosa pesca, o noso sector agrogandeiro, o sector naval, o sector do comercio ou o noso sector financeiro. O noso pobo sofre un éxodo propio dun país empobrecido, colonizado e utilizado como man de obra barata para os países ricos e as grandes multinacionais que gobernan Europa.

O número de desempregados/as alcanza cifras históricas, 280 mil persoas no desemprego, o 22% da nosa poboación activa. Desde o inicio da crise, máis de 100 mil galegas e galegos, principalmente mozos e mozas menores de 35 anos, marcharon á emigración en busca de traballo. Con eles, o desemprego real supera o 30%. Un dato que a Xunta oculta e manipula.

O PP está a gobernar abertamente en favor dos intereses dos grandes poderes económicos, aportando miles de millóns de euros do erario público para axudas á banca (107.000 millóns de euros); convertendo o ensino, a saúde, a asistencia social e as pensións en negocio para o capital privado; afondando nunha política fiscal inxusta que incrementa os impostos indirectos e rebaixa os impostos directos ao capital; promovendo contrarreformas laborais que só buscan rebaixar salarios, facilitar os despedimento e substituír contratos fixos e a xornada completa, por contratos temporais ou a tempo parcial, incrementando así os beneficios e o poder da patronal e empobrecendo e debilitando á clase traballadora.

Diante da contestación social, fronte a estas políticas antiobreiras e antisociais, o PP opta pola represión e polo recorte das liberdades públicas, a través da modificación do Código Penal e da Lei de Seguridade Cidadá, situándonos diante dun auténtico estado policial que en moitos aspectos retrotráenos á época franquista.

O capital, a nivel internacional, está a aproveitar a súa propia crise sistémica para afondar nas políticas ultraliberais que conducen a máis desigualdades sociais e a unha maior concentración e centralización da riqueza e do poder. Para iso non reparan en promover recortes de dereitos, de liberdades e en vulnerar a soberanía dos Estados, mesmo recorrendo a provocar e financiar guerras que destrúen países e deixan unha estela de miles de mortos e millóns de persoas desprazadas.

Cómpre, polo tanto, a loita solidaria da clase obreira de todo o mundo, desde a súa propia realidade e autoorganización, contra este sistema socioeconómico capitalista, na procura da conquista doutro modelo de organización económica e social máis xusto, solidario e democrático, que garanta un reparto igualitario da riqueza e que sexa respectuoso co dereito á liberdade e soberanía de todas as nacións, incluída a galega.

Manifestacións convocadas

Vigo: Ás 11,30h. na Doblada

A Coruña: Ás 12,00h na Praza de Vigo

Pontevedra: Ás 12,00h. Praza da Ferrería

Vilagarcía: Ás 11,00h. na Casa do Mar

A Estrada: Ás 12,00h. na Praza do Mercado

Ferrol: Ás 12,30h. Av. de Esteiro (local CIG)

Compostela: 12,30h. na Praza Roxa

Ribeira: Ás 12,00h. na Praza do Peixe

Lugo: Ás 12,00h. Ronda da Muralla (Edificio Sindical)

Ourense:Ás 12,00h. Pavillón dos Remedios

Cangas: As 19h. Praza do Concello