A Lei orgánica 3/2007 do 22 de marzo para a igualdade efectiva entre homes e mulleres, nos seus artigos 45 e 46, deixa clara a obriga das empresas de máis de 250 persoas traballadoras de realizar un plan de igualdade. A Xunta de Galiza, con mais de 20.000 no caso da Administración Xeral, 12 anos despois ten os deberes sen facer: o Plan de Igualdade da Xunta nin existe nin se lle espera.

O plan de igualdade urxe, acumúlanse as demandas por incumprimentos á lei ao non permitir a conciliación laboral e familiar, por non establecer medidas organizativas que axuden a conciliación no persoal a quendas, protexer a saúde ou incluso chega a complicar a suspensión por risco no embarazo e lactación.

Os salarios mais baixos nas mulleres empregadas da Xunta

A maioría das mulleres (máis do 80%) traballadoras na Xunta están situadas nos grupos máis baixos. A diferencia salarial entre os grupos altos e baixos é enorme e, se tes en conta o recente complemento da carreira profesional que afonda nesta diferencia, temos como resultado que as mulleres na Xunta cobramos moito menos que os homes.

A CIG demanda o plan de igualdade para o persoal da Xunta de Galicia

Porén a identificación destes problemas é o primeiro paso para a realización dun plan que estableza medidas correctoras, e por iso dende a CIG pedimos estes datos e nestes anos vimos esixindo en numerosas ocasións a elaboración do plan de Igualdade.

No 2019, a Xunta de Galiza segue a ocultar datos en materia de persoal, acidentabilidade e salarios por xénero. En definitiva non fai nada pola igualdade entre homes e mulleres nin planifica facelo: só traballa para a propaganda.

As mulleres temos motivos de sobra para ir á FOLGA este 8 DE MARZO, baleirar os edificios administrativos e saír a rúa para participar nas mobilizacións.

A FOLGA O 8 DE MARZO

A folga dará comezo ás 00:00 horas e rematará ás 24:00 horas agás aquelas que teñan traballo a quendas, nese caso o comezo da folga efectuarase na primeira quenda, aínda que comece antes das 00:00 horas do día 8 de Marzo, e a súa finalización terá lugar unha vez rematada a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24:00 horas.

Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista!!